Novas

Info
13 Maio 2017

Andaina Ruta Emilia Pardo Bazán

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co concello do Carballiño, programa para o sábado 27 de maio, un roteiro sobre Emilia Pardo Bazán. Desenvolverase pola tarde, a partir das 16,30 h., cunha duración aproximada de tres horas e media, por Banga e Cabanelas.

O programa inclúe unha visita guiada ao pazo dos Quiroga en Banga e á igrexa de Santa Baia, para continuar despois a andaina por Cima de Vila ata Cabanelas. Alí visitaranse diversos lugares de interese, como a “Casa das caras” e despois o pazo dos Quiroga, para rematar na sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, na Casa da Bexanca, onde se proxectará un documental sobre Emilia Pardo Bazán, e levarase a cabo unha tertulia con persoas expertas na súa obra, sobre todo no tocante á súa relación con Banga, Cabanelas e O Carballiño, que a escritora deixou reflexado na novela El Cisne de Vilamorta (1885), entre outras, como La madre naturaleza.  

O punto de encontro será ás 16,30 h., o sábado, 27 de maio, fronte á escola, por ser a zona con espacio de aparcamento. E o itinerario é o seguinte: Pazo dos Quiroga de Banga, igrexa de Santa de Santa Baia, Cima de Vila, Cabanelas, Pazo dos Quiroga e Casa da  Bexanca. O recorrido é duns 3,5 km., aproximadamente, de ida, e outros tantos de volta.

Non será necesario inscribirse previamente para poder participar no roteiro.

Esta é a segunda andaina que programan este ano conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a concellería de Cultura do concello do Carballiño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural do municipio e da comarca. A primeira andaina desenvooveuse á torre medieval de Godás na pasada Semana Santa,  e unha terceira andaina terá lugar no mes de xullo aos petroglifos de Cangues, na Esgueva.