Novas

Info
27 Maio 2015

Faleceu frei Damián Yáñez Neira

Despois dun curto proceso no que a enfermidade fíxose dona do seu corpo, hoxe, ós 98 anos, faleceu o noso Socio de Honra e Torques de Honra 2013, o padre Damián. Home entegado de por vida á súa vocación relixiosa, soubo compaxinar esta condición vocacional coa de investigador e estudioso da nosa historia. Foi ademais o responsable dende a súa chegada ó mosteiro de Oseira de recuperar a biblioteca, conquerindo que se convertese nunha das máis importantes de Galicia e un referente dentro das existentes na comunidade cisterciense española. Deixa como legado, centos de traballos de investigación, colaboracións en publicacións especializadas de historia e temática relixiosa, enciclopedias e un longo repertorio. Tamén, recuperou moitas das pezas bibliográficas desaparecidas da antiga biblioteca monástica. Pero un dos máis importantes labores ós que dedicou unha boa parte da súa vida, foi o promover a realización dos congresos do Cister en Galicia e Portugal. No tocante á nosa comarca, foron constantes as súas participacións nos nosos congresos do Home e o Medio, así como as súas colaboracións na nosa revista Argentarium.

Home reservado e prudente, foi sempre unha porta aberta e un apoio constante para os investigadores que se acercaban a Oseira.