Novas

Info
6 Maio 2019

O C. E. Chamoso Lamas cumpre un cuarto de século (1994-2019)

Co gallo de tan importante acontecemento, o noso colectivo iniciará as numerosas actividades previstas o día 17 de maio, cadrando cos 25 anos da presentación pública levada a cabo no ano 1994 na Casa Gazpara, festexando unha data tan simbólica coa presentación do libro Cemiterios Esquecidos, de Jorge Lamas, arqueólogo e responsable da sección de arqueoloxía. Será esta, pois, a primeira actividade dunha serie de iniciativas que incluirán a edición dun número especial da Revista Argentarium, unha exposición retrospectiva sobre a traxectoria da entidade, unha ruta urbana guiada polo centro histórico da vila e unha andaina pola senda do Arenteiro ata a sede do Centro de Estudios en Cabanelas, entre outras propostas que se están valorando e que se darán a coñecer máis adiante. Tamén con tal motivo, creouse un logo conmemorativo do evento, obra do noso compañeiro Diego Reboredo Prado.

Así mesmo, tamén en breves datas presentaránse o libro Encontros do saber (Actas do IX Congreso) e un libro homenaxe ó membro do C.E. Chamoso Lamas e Medalla de Ouro do Carballiño. o desaparecido doutor Luis Rodríguez Míguez.