Novas

Info
17 Xullo 2016

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, Premio Ínsua dos Poetas

O xurado do Premio Ínsua dos Poetas instítuído pola fundación que leva o mesmo nome e que preside o escritor Luis González Tosar, concedeu nesta VIII edición o seu premio no apartado de Patrimonio ó Centro de Estudios Chamoso Lamas. No acordo do xurado valórase dita concesión "a todos os seus  seus integrantes e colaboradores polo esforzó que veñen mantendo no eido do estudo e da investigación do patrimonio histórico e na divulgación da riqueza artística e natural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro". O premio foi entregado ó Presidente do C.E. Chamoso Lamas polo Alcalde do Carballiño,  Francisco Fumega, que fixo unha valoración do traballo desenvolvido polo noso colectivo ó longo destes últimos 20 anos e das achegas que ten aportado nas súas investigacións ás Comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

A entrega dos galardóns, celebrouse o sábado, 16 de xullo, na Festa da Palabra celebrada na Ínsua, en Madarnás. O acto contou coa asistencia de numerosas autoridades e unha variada e importante representaciónn do mundo da cultura galega no que se falou do importante papel que xoga e debe xogar o mundo cultural no desenvolvemento económico e social do país e, ó tempo, reivindicouse dun xeito craro a defensa da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa identidade así como da importancia da palabra e do diálogo no entendemento da humanidade.

O noso agradecemento ó xurado polo que supón para nós a concesión deste galardón e á Fundación Ínsua dos Poetas para seguir avantando no progreso e defensa da nosa cultura.