Novas

Info
7 Xuño 2018

O Premio "Pedra do destino", para o Centro de Estudios Chamoso Lamas

O galardón que os Amigos dos Museos de Galicia entrega anualmente ós colectivos que impulsan a conservación do patrimonio cultural galego, recaeu neste ano 2018 no Centro de Estudios Chamoso Lamas. Con esta distinción, a entidade convocante quere recoñecer "a súa constancia no estudo, divulgación e potenciación dos recursos culturais e patrimoniais das Terras do Carballiño, como os muiños e fábricas de papel das ribeiras do Arenteiro, a recuperación e posta en valor dos vellos camiños de feirantes, arrieiros e carboeiros, as vinculacións con Oseira, Beade, os gremios de pulpeiras, panadeiras…etc.". 

O Premio que neste ano está dotado en 1.500 euros para aplicar a un proxecto do colectivo, ademais de material de interese histórico e cultural en relación coa zona, cos que se pretende  enriquecer os fins museísticos deste colectivo. O galardón entregarase no Carballiño polos Magostos.

O fallo do premio deuse a coñecer o Día dos Museos, nun acto que a asociación celebrou na súa sede de Portas Ártabras na cidade da Coruña. 

En nome do C.E. Chamoso Lamas, o noso infinito agradecemento e a nosa satisfacción por este recoñecemento a nivel galego que fai a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, vendo como colectivo que os nosos esforzos despois de case 25 anos teñen eco e dannos folgos para seguir coa traxectoria de traballo e ilusión coa que iniciamos a nosa andaina. Moitas grazas.