Novas

Info
24 Febreiro 2018

Presentación do Panel Climático do Carballiño

O Salón de Plenos do Concello do Carballiño serviu de escenario para a presentación do Panel Climático do Carballiño, un traballo de 34 anos de investigación diaria do noso compañeiro Miguel A. García e condensados nun só panel no que tamén colaborou o noso compañeiro Diego Reboredo Prado. A amplísima información que aporta non logra desvelar ningunha novidade salientable sobre o noso clima, en palabras do propio investigador, que engadía que cómpren moitos máis anos para poder aportar conclusións máis exactas sobre o proceso evolutivo do clima. O acto contou coa presenza do Alcalde, Francisco Fumega, que fixo a presentación á prensa no nome do Concello e do Presidente do C. E. Chamoso Lamas.

 O panel conta con información de temperaturas medias, máximas e mínimas; datos anuais de precipitacións; información sobre as xeadas e as condicións da seca ambiental que se producen entre os meses de abril e setembro. A esta información hai que engadir unha táboa que recolle os parámetros climáticos xerais do Carballiño e outra máis que amosa as curiosidades más extremas. Para rematar, o autor falou de que aínda faltan por incorporar dúas variantes moi importantes, como son a humidade e a irradiación solar. Tampouco se esqueceu engadir a este panel un pequeno refraneiro popular relacionado co tempo xa que "son unha das primeiras estadísticas de coñecemento de datos climáticos", en palabras do autor.

(Pódese descargar o panel en resolución para imprimir no PDF que se atopa no fondo desta nova).

Descargar arquivo