Novas

Info
1 Novembro 2016

Xornada de Patrimonio e incendios forestais

Como estaba previsto, celebramos unha completa xornada que tivo como protagonista ó Patrimonio arqueolóxico e os efectos sobre o mesmo producidos polos lumes deste verán pasado. Pola mañá, medio cento de camiñantes acompañaron as explicacións de arqueólogos e biólogos sobre o terreo das devastadoras consecuencias dos incendios e da súa incidencia no noso legado patrimonial. O trazado escolleito para a andaina foi o chamado Coto Molín, nas parroquias de Moreiras e Brués, onde puidemos ver in situ as desfeitas das lapas sobre mámoas, restos de minería romana, fauna e vexetación.

Pola tarde unha moi interesante conferencia na Casa da Cultura do Carballiño co suxestivo título de Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos, impartida polo Dr. Serafín González Priet ben acompañada dunha abondosa relación de datos e imaxes, convidaba a unha seria reflexión sobre as consecuencias do lume sobre o medio natural e sobre as persoas.