Novas

Novas

Filtro
Info
9 Decembro 2020

Esta semana traemos A Voz das parroquias

A Voz das parroquias é o voceiro do sentir das parroquias que integran o Concello do Carballiño e a manifestación de que, malia ós malos tempos que vive o mundo asociativo e demográfico do rural, son entes vivos e desexosos de amosar a súa existencia e a súa realidade. A publicación naceu impulsada dende as Asociacións de Veciños, intentando dar a coñecer ó público as súas deficiencias, carencias, ancellos e tamén aportar criterios para buscar sempre posibles solucións a estas problemáticas cotiás pero, sobre todo, crear conciencia parroquial.

O número 0 que hoxe presentamos, viu a luz a finais de decembro do ano de 1993, publicándose a posteriori outros 16 números que contan con numerosas colaboracións de etnografía, historia, xoegrafía, toponimia e outras disciplinas que enriquecen estsa iniciativa. Detrás dela, un inmenso esforzo e ilusión de quen capitanea este interesante movemento asociativo.

Info
23 Novembro 2020

Ambiente, publicación desta semana.

Ambiente resulta ser a publicación que conta con máis números das realizadas ata agora nas terras do Carballiño. Editada pola Acción Católica do Carballiño, durante varios anos recolleu as novas salientables do acontecer local.

Editada maioritariamente en castelán, tamén foi pioneira no emprego da nosa lingua naqueles difíciles tempos.

Contou con numerosas colaboracións de tipo relixioso, cultural, social e deportivo saídas das plumas de persoeiros de recoñecido prestixio como Otero Pedrayo, Ferro Couselo ou Fariña Jamardo, ademais dun numeroso elenco de colaboradores locais.

Info
10 Novembro 2020

Orcellón, unha publicación que marcou unha época.

Hoxe traemos á nosa páxina o número 1 da revista Orcellón, publicación da A. C. Avantar que encetaba a súa andaina o 17 de maio de 1980. Foi unha publicación importante, como xa diciamos, porque supuxo un aire novo dentro do ambiente cultural da vila coa incoroporación de colaboracións dun elevado interese e compromiso político e persoal nunhas datas de cambio social.

Tamén comprometido foi o atravemento de Xosé Fariña Jamardo de levar adiante o seu Boletín de información municipal que subiamos á rede a semana pasada. Nuns tempos onde a liberdade de expresión era unha utopía -corría o ano 1955- e a política resultaba ser un tema tabú e un couto pechado, Fariña Jamardo foi quen de achegar información e transparencia  da vida municipal e do que dentro do Concello acontecía á veciñanza. Un duro traballo e un moi meritorio esforzo para uns tempos difíciles.

Info
3 Novembro 2020

Boletín de información del Excmo. Ayuntamiento de Carballiño

A publicación da semana pasada correspondente ós Liborianos, data do ano 1955 e pertence ó arquivo persoal  do amigo Poncho Cerviño, por desgraza, xa falecido non hai moitos meses. Os Liborianos forman parte da historia carballiñesa da segunda metade do século XX e dos anos que levamos andados neste XXI. A súa presenza nos Entroidos carballiñeses é unha tradición nesta festa de tan fondas raíces na nosa cultura.

A publicación en si foi, e segue sendo na actualidade, unha compilación das cantigas e composicións entroideiras cheas de retranca e sátira que, ano a ano, animan as rúas carballiñesas. No caso deste número que colocamos, presenta o valor engadido de ser realizada nunha etapa complicada para a creatividade e a expresión pública polas pexas da censura imperante naqueles duros anos.

Hoxe colocamos o número 1 do Boletín de información municipal do Concello do Carballiño grazas á colaboración e doazón de Xesús Carballido. PODEDES DESCARGALO NO MENÚ DE INICIO "DESCARGAS"

Descargar arquivo
Info
26 Outubro 2020

ABERTO POR CORONAVIRUS

Neste nefasto ano, cando a Cultura parece estar nos peores momentos que a nosa memoria pode lembrar, dende o Centro de Esudos Chamoso Lamas queremos espertar, aínda que so sexa un chisco, deste letargo pandémico no que estamos envolvidos. A nosa contribución non é moi grande pero si importante: por vez primeira os habitantes destas terras poderán achegarse a diversas publicacións periódicas desenvolvidas ó longo da historia, arrincando dende o século XIX. Por iso, dende agora e ata que remate o ano, imos colgar semanalmente un exemplar escaneado en formato PDF de parte do noso legado histórico en papel que o noso colectivo ten recopilado nestes últimos anos e que abrangue cabeceiras xornalísticas tan emblemáticas como A Voz das Parroquias, Orcellón, O Brado, La Voz del Pueblo, Ambiente, Boletín de Información municipal, Ecos del Arenteiro, e outras relacionadas con esta Comarca. Foi un longo traballo no que temos que agradecer a colaboración de moitos dos nosos conveciños que coa súa xenerosidade aportaron números destes medios impresos e da impecable xestión da dixitalización levada a cabo por Beatriz González. O resultado: como xa indicamos, un legado histórico importante para estas terras e un gran de area para axudar a pasar estas duras horas deste inesquecible 2020. Un saúdo e moita saúde para tod@s.

Comezamos co programa do Entrodio dos nosos entrañables e queridos Liborianos do ano 1955.
 

Descargar arquivo
Info
3 Agosto 2020

Suspendido o Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas

A Xunta directiva do C. E. Chamoso Lamas acordou suspender a celebración do seu congreso bienal unha vez analizada a situación xerada pola pandemia provocada pola COVID19 e pola evolución da mesma dentro deste espazo territorial.

De tódolos xeitos, estase a traballar para poder ofertar algunhas alternativas que permitan o desenvolvemento dunha certa actividade cultural, adaptadas á normativa vixente e, sobre todo, á seguridade sanitaria, primordial neste momento.

Info
21 Febreiro 2020

Inauguración da Exposición de Arte AR(T)ENTEIRO

O sábado, 22 de febreiro, ás 20,30 horas terá lugar a inauguración da 3ª edición desta bienal de arte que organiza o Centro de Estudios Chamoso Lamas. O acto terá lugar na Sala de Exposicións do "Auditorio Manuel María do Carballiño". Nesta Edición, a mostra conta coa presenza dun total de 41 artistas que aportan o seu talento nun total de 49 obras para a celebración deste evento que xa forma parte habitual das actividades do noso colectivo.

A exposición permanecerá aberta ó público ata o día 21 de marzo e poderá ser visitada no seguinte horario:

-De martes a venres, de 18 a 21 horas

-Sábado, domingo e festivos, de 12 a 14 horas.

-Luns, pechada.

O C. E, Chamoso Lamas, agradece a colaboración do Concello do Carballiño para o desenvolvemento desta actividade.

Info
12 Decembro 2019

O Torques de Honra 2019 para os Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense

O C. E. Chamoso Lamas acurdou conceder o seu galardón Torques de Honra na edición deste ano 2019 ós Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense pola súa contribución á preservación e difusión do patrimonio documental da diócese ourensana, labor que se vén realizando sistematicamente nas últimas décadas dun xeito contínuo malia á escaseza de recursos. Neste aspecto, subliñar o papel xogado polos distintos directores na catalogación e no constante labor de captación de fondos que teñen servido para o estudo e elaboración de numerosos traballos realizados ó longo dos longos anos de vida destas institucións.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas quere recoñecer e agradecer a colaboración prestada polo persoal destes dous arquivos cos investigadores que acuden a diario ás súas instalacións, facendo unha mención especial na figura de D. Miguel Ángel González García, director dos mesmos e gran valedor de iniciativas como é a publicación Diversarum Rerum e a súa implicación persoal en numerosas actividades culturais de fomento da investigación (congresos, conferencias, publicacións, etc.).

O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de decembro, ás 20,30 horas, no Restaurante A Fuchela do Carballiño. 

Info
21 Novembro 2019

Presentación do libro Encontros do Saber editado polo Centro de Estudios

O venres, día 22 de novembro, ás 8,30 da tarde, teremos a presentación do libro que leva por título Encontros do Saber, unha obra que, ó longo de 450 páxinas elaboradas por especialistas, fai nuha análise pormenorizada de diversos temas que teñen que ver coa educación, a antropoloxía, a ciencia, a historia, a arqueoloxía e outras disciplinas do saber que veñen encher un baleiro, nuns casos, sobre as temáticas abordadas e, noutros, complementar ou aportar novidades sobre as materias citadas.

O acto celebrarase no Aparthotel Arenteiro, sendo de libre asistencia para calquera persoa interesada na materia. 

Info
20 Setembro 2019

Suspendida a andaina do día 21

Por previsión de fortes choivas para o sábado, día 21, queda SUSPENDIDA a andaina programada para ese día, polo que farémola o próximo día 28, mantendo tanto o itinerario como o horario marcado. Calquera dúbida ou suxestión será ben recibida.

Páxinas