Convocatorias
Convocatorias
Suspendida a andaina do día 21
Por previsión de fortes choivas para o sábado, día 21, queda SUSPENDIDA a andaina programada para ese día, polo que farémola o próximo día 28, mantendo tanto o itinerario como o horario marcado. Calquera dúbida ou suxestión será ben recibida.
Andaina Ponte Veiga-Cabanelas para o día 21 de setembro
Un roteiro guiado con saída dende a Ponte de Veiga ata á sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, en Cabanelas, porá o colofón aos actos programados por esta entidade para conmemorar o 25 aniversario da súa creación.
Trátase dun percorrido duns 10 km por algúns dos lugares de maior interese histórico e paisaxístico do municipio carballiñés e de Boborás, e que inclúe unha parada en Moldes a mediodía para xantar, así como a proxección ao remate dun video sobre os 25 anos de traxectoria do centro de estudios, que se fará na sede da entidade en Cabanelas. Algúns destes lugares son: Ponte de Veiga, Gran Balneario, Museo Etnográfico, Torre de Godás, Ponterriza, Moldes, Castro Cavadoso, Cima de Vila e Cabanelas, seguindo o curso do río Arenteiro e polas inmediacións. A andaina estará guiada polos arqueólogos, historiadores e biólogos do centro de estudios, que irán dando explicacións de cada un dos monumentos e lugares de maiori nterese. A saída da ruta está prevista para as 9.30 h., e o regreso ás 18,00 h.
Para poder participar nesta andaina, que ten as prazas limitadas a 50 en total, hai que inscribirse previamente na dirección de correo electrónico do centro de estudios contacto@centrodeestudioschamoslamas.com ou chamando aos teléfonos 629 879 491 (Xosé Luis) ou 610 782 630 (Miguel).
O prezo da inscrición é de 5 euros, e inclúe o xantar en Moldes e o regreso desde Cabanelas en vehículo. O prazo de inscrición remata o xoves 19 de setembro.
Dificultade: media
Roupa e calzado axeitado.
Mesa redonda: 25 anos na vida do Carballiño (1994-2019)
Con boa asistencia de púlico a este acto programado co gallo dos 25 anos do Centro de Estudios, celebrouse o sábado, día 7 de setembro, na Casa da Cultura do Carballiño unha interesante mesa redonda conformada por Manuel Amil, Xan MIras Portugal, Francisco Fumega e José Antonio Barge na que, previa exposición inicial de cada un dos ponentes centrada na actividade política, social, cultural, demográfica e educativa moderada polo noso compañeiro e xornalista Carlos Rodríguez, serviu para lembrar momentos importantes deste cuarto de século dende a perspectiva de tan significativos persoeiros coñecedores da vida do Carballiño e a súa comarca. O resultado foi un interesante debate, facendo un interesante exercicio de reflexión e lembranza sobre a memoria colectiva destes 25 anos.
Dende o Centro de Estudios Chamoso Lamas, o noso agradecemento ós asistentes e, de xeito especial, ós nosos convidados.
Fotogalería
De vagar: un paseo polas rúas do centro do Carballiño.
O domingo, día 28 de xullo, ás 11 horas saíremos diante do Asilo do Carballiño para facer un percorrido por algunhas das rúas do Carballiño. Esta ruta é un dos actos programados para conmemorar o noso 25 Aniversario e ten unha duración aproximada de 2 horas nas que trataremos de coñecer mellor a trama urbana desenvolvida ó longo dos séculos XVIII e XIX e que conformaron a actual configuración da nosa vila, deténdonos nalgúns dos edificios máis sobranceiros e lembrando os vellos nomes das rúas e prazas, así como algúns dos ilustres habitantes que ocuparon no seu día esas vivendas.A asistencia é libre e de balde.
O Premio "Pedra do destino", para o Centro de Estudios Chamoso Lamas
O galardón que os Amigos dos Museos de Galicia entrega anualmente ós colectivos que impulsan a conservación do patrimonio cultural galego, recaeu neste ano 2018 no Centro de Estudios Chamoso Lamas. Con esta distinción, a entidade convocante quere recoñecer "a súa constancia no estudo, divulgación e potenciación dos recursos culturais e patrimoniais das Terras do Carballiño, como os muiños e fábricas de papel das ribeiras do Arenteiro, a recuperación e posta en valor dos vellos camiños de feirantes, arrieiros e carboeiros, as vinculacións con Oseira, Beade, os gremios de pulpeiras, panadeiras…etc.".
O Premio que neste ano está dotado en 1.500 euros para aplicar a un proxecto do colectivo, ademais de material de interese histórico e cultural en relación coa zona, cos que se pretende enriquecer os fins museísticos deste colectivo. O galardón entregarase no Carballiño polos Magostos.
O fallo do premio deuse a coñecer o Día dos Museos, nun acto que a asociación celebrou na súa sede de Portas Ártabras na cidade da Coruña.
En nome do C.E. Chamoso Lamas, o noso infinito agradecemento e a nosa satisfacción por este recoñecemento a nivel galego que fai a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, vendo como colectivo que os nosos esforzos despois de case 25 anos teñen eco e dannos folgos para seguir coa traxectoria de traballo e ilusión coa que iniciamos a nosa andaina. Moitas grazas.
Presentación do catálogo e clausura da exposición "22 anos ollando estas terras"
O sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Manuel María do Carballiño, a presentación do catálogo da Exposición "20 anos ollando estas terras", publicación que recolle a totalidade das obras presentadas na edición anterior. Ó longo de case 100 páxinas, a publicación editada en cor e coas características de edición que require unha obra deste tipo, recolle de xeito individualizado cada unha das obras que no seu día estiveron expostas ó público durante máis dun mes. Ademais deste repertorio fotográfico elaborado polo membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Juanjo Álvarez, o catálogo conta cun limiar a cargo do Presidente do colectivo e cuns valiosos textos críticos aportados polos dous comisarios da exposición, Juan Manuel Rodríguez e Óscar Gónfer.
Rematado ese acto realizarase a clausura desta exitosa segunda edición pola que pasaron centos de veciños que puideron contemplar a valía e a potencidalide dos nosos artistas que, coas súas obras, deron a coñecer o enorme talento que atesouran.
Torques de Honra 2017
Podedes ler o discurso lido polo noso compañeiro Óscar Gonfer co gallo da entrega do Torques de Honra 2017 a Manuel Gallego Jorreto no arquivo adxunto.
O sábado, día 3 de xuño, roteiro Pardo Bazán
Despois de ser adiado este roteiro pola posibilidade de fortes treboadas para a tarde do sábado, 27 de maio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas convoca a aquelas persoas que estean interesadas nesta andaina guiada para as 16,30 horas, do día 3 de xuño, para comezar un percorrido que, dende diante da Escola de Banga, levaranos ata Cabanelas. O itinerario é sinxelo, fermoso e curto polo que resulta axeitado para calquera tipo de camiñante. Remataremos na Sede do C. E. Chamoso Lamas coa proxección dun curto sobre a escritora e coa participación dos asistentes que estean interesados nun debate.
Día: Sábado, de de xuño
Hora: 16,30 horas
Punto de Encontro: Escola de Banga
Duración estimada: 3,30 horas
Andaina Ruta Emilia Pardo Bazán
O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co concello do Carballiño, programa para o sábado 27 de maio, un roteiro sobre Emilia Pardo Bazán. Desenvolverase pola tarde, a partir das 16,30 h., cunha duración aproximada de tres horas e media, por Banga e Cabanelas.
O programa inclúe unha visita guiada ao pazo dos Quiroga en Banga e á igrexa de Santa Baia, para continuar despois a andaina por Cima de Vila ata Cabanelas. Alí visitaranse diversos lugares de interese, como a “Casa das caras” e despois o pazo dos Quiroga, para rematar na sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, na Casa da Bexanca, onde se proxectará un documental sobre Emilia Pardo Bazán, e levarase a cabo unha tertulia con persoas expertas na súa obra, sobre todo no tocante á súa relación con Banga, Cabanelas e O Carballiño, que a escritora deixou reflexado na novela El Cisne de Vilamorta (1885), entre outras, como La madre naturaleza.
O punto de encontro será ás 16,30 h., o sábado, 27 de maio, fronte á escola, por ser a zona con espacio de aparcamento. E o itinerario é o seguinte: Pazo dos Quiroga de Banga, igrexa de Santa de Santa Baia, Cima de Vila, Cabanelas, Pazo dos Quiroga e Casa da Bexanca. O recorrido é duns 3,5 km., aproximadamente, de ida, e outros tantos de volta.
Non será necesario inscribirse previamente para poder participar no roteiro.
Esta é a segunda andaina que programan este ano conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a concellería de Cultura do concello do Carballiño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural do municipio e da comarca. A primeira andaina desenvooveuse á torre medieval de Godás na pasada Semana Santa, e unha terceira andaina terá lugar no mes de xullo aos petroglifos de Cangues, na Esgueva.
Programa de andainas 2017 co Concello de Boborás
O Centro de Estudios Chamoso Lamas e mailo Concello de Boborás teñen previsto a realización das seguintes andainas guiadas polas distintas parroquias deste concello ó longo deste ano 2017: (Máis información en www.boboras.org
DIA | MES | PARROQUIA |
16 | ABRIL | MOLDES |
30 | ABRIL | XURENZÁS |
14 | MAIO | CARDELLE |
28 | MAIO | BRUÉS |
11 | XUÑO | XENDIVE |
2 | XULLO | ALBARELLOS |
9 | XULLO | FEÁS |
23 | XULLO | XUVENCOS |
6 | AGOSTO | PAZOS DE ARENTEIRO |
27 | AGOSTO | O REGUEIRO |
3 | SETEMBRO | CAMEIXA |
17 | SETEMBRO | LAXAS |
1 | OUTUBRO | MOREIRAS |
15 | OUTUBRO | ASTURESES |
5 | NOVEMBRO | BRUÉS |
Páxinas
