Convocatorias

Convocatorias

Info
27 Maio 2015

Faleceu frei Damián Yáñez Neira

Despois dun curto proceso no que a enfermidade fíxose dona do seu corpo, hoxe, ós 98 anos, faleceu o noso Socio de Honra e Torques de Honra 2013, o padre Damián. Home entegado de por vida á súa vocación relixiosa, soubo compaxinar esta condición vocacional coa de investigador e estudioso da nosa historia. Foi ademais o responsable dende a súa chegada ó mosteiro de Oseira de recuperar a biblioteca, conquerindo que se convertese nunha das máis importantes de Galicia e un referente dentro das existentes na comunidade cisterciense española. Deixa como legado, centos de traballos de investigación, colaboracións en publicacións especializadas de historia e temática relixiosa, enciclopedias e un longo repertorio. Tamén, recuperou moitas das pezas bibliográficas desaparecidas da antiga biblioteca monástica. Pero un dos máis importantes labores ós que dedicou unha boa parte da súa vida, foi o promover a realización dos congresos do Cister en Galicia e Portugal. No tocante á nosa comarca, foron constantes as súas participacións nos nosos congresos do Home e o Medio, así como as súas colaboracións na nosa revista Argentarium.

Home reservado e prudente, foi sempre unha porta aberta e un apoio constante para os investigadores que se acercaban a Oseira.

Info
30 Abril 2015

Suspensión roteiro día 2 de maio

Debido á posibilidade dunhas condicións meteorolóxicas moi adversas para o día 2 de maio,  decidimos suspender o roteiro de Maside. Xa vos teremos informados da súa nova data de realización.

Info
22 Abril 2015

Novas andainas culturais

O día 2 de maio, o Centro de Estudios ten prevista a realización dunha nova andaina que percorrerá vellos camiños do concello de Maside, Como vén sendo norma, será guiada por Juan José Álvarez e Jorge Lamas, contando cun percorrido variado, tanto de paisaxe como de elementos patrimoniais (románico, mámoas, petroglifos, etc.).

A saída terá lugar ás 9 horas do sábado, 2 de maio, dende a igrexa de Garabás, onde se poden aparcar os coches. Podedes descargar os detalles da mesma no PDF adxunto.

Para o día 16 de maio, teremos unha nova incursión no magnífico escenario de Castro Cavadoso. Trátase dun percorrido curto -menos de media hora en cada sentido- pero que paga a pena ser visitado despois dos traballos de limpeza ós que foi sometido nestes pasados meses. Será guiada polo noso compañeiro Jorge Lamas que dirixiu eses traballos. A saída farase ás 10 horas dende Moldes (xunto á igrexa). Podedes ver a reconstrución virtual deste castelo na nova anterior a esta.

Descargar arquivo
Info
16 Xaneiro 2015

Castro Cavadoso e Cameixa

Os nosos compañeiros da sección de Arqueoloxía, Jorge Lamas Bértolo e Juan José Álvarez, están participando e dirixindo os labores de limpeza e recuperación dos xacementos do Castro de Cameixa e fortaleza medieval de Castro Cavadoso, na parroquia de Moldes-Boborás; traballos que se están realizando en colaboración co Concello de Boborás. Despois dunha pequena actuación de retirada de mato e algún desentullo, a visión destes dous xacementos é espectacular, sobre todo a do castelo de Castro Cabadoso, recuperando así parte do seu esplendor e facendo dos mesmos dous novos puntos de interese para os amantes do noso pasado.

Nos arquivos anexos achegados por Jorge Lamas, podedes ver o que foron estes xacementos.

Descargar arquivo
Descargar arquivo
Descargar arquivo
Info
16 Xaneiro 2015

Publicación do libro "A electrificación do noroeste ourensán"

O Comité de avaliación da Deputación de Ourense encargado da selección de publicacións, acordou incluir o titulado "A electrificación do noroeste ourensán. Un modelo paradigmático de difusión da electricidade en Galicia", do que son autores Francisco Fumega e Xosé Luis Sobrado. O custo da publicación: (500 exemplares) é de 7.280 € que serán asumidos pola Entidade Provincial. Sairá á venda cun custo de 16 €.

Info
16 Xaneiro 2015

Clausura da Exposición "20 anos ollando estas terras"

Hoxe, venres, ás 20,30 horas terá lugar o acto de clausura da Exposición "20 anos ollando estas terras" que o Centro de Estudios Chamoso Lamas vén celebrando na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal do Caballiño. Unha exposición visitada por máis de 700 persoas na que se recollen as tendencias pictóricas e escultóricas de máis de trinta artistas da nosa comarca e ó longo de máis de 40 obras. No día de hoxe, xa fóra do período expositivo, foi visitada polos alumnos do Instituto Chamoso Lamas, nun percorrido guiado polo seu profesorado, culminando deste xeito máis dun mes de oferta para os amantes da arte. 

Info
16 Xaneiro 2015

Conferencia na Coruña

No día de hoxe, os membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Francisco X. Fumega e X. Luis Sobrado, van impartir unha conferencia baixo o título de "O Carballiño, de aldea a vila", na sede da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia en Portas Ártabras, na cidade herculina. Nesta conferencia intentarán dar a coñecer as chaves do proceso histórico seguido pola vila carballiñesa dende finais do Medievo ata finais de século XIX ata chegar a se converter nunha puxante vila.

Info
15 Decembro 2014

Cea de Nadal e andaina

O día 27 de decembro, ás 22 horas, os membros do Centro de Estudios, celebraremos a nosa tradicional cea de Nadal. Antes, ás 15 horas, sempre que o tempo o permita, os que esteamos interesados, poderemos saír, ás 15 horas, dende Paredela-Moldes ata á fortaleza de Castro Cabadoso nunha curta andaina para poder contemplar in situ os traballos de limpeza que se están realizando neste importante xacemento baixo a dirección do noso compañeiro Jorge Lamas, que nos acompañará e guiará na mesma.

Info
19 Novembro 2014

Inaugurada a Exposición de Arte

O pasado venres, día 12 de decembro, foi inaugurada a exposición “20 anos ollando estas terras”, do Centro de Estudios Chamoso Lamas. Un total de 25 autores vencellados con esta comarca conforman esta primeira exposición de arte que recolle o facer de distintas disciplinas artísticas ata completar máis de 40 obras. É a primeira vez que se organiza no Carballiño un evento destas características. Para a realizaciónn da mesma cóntase coa colaboración do Concello do Carballiño que cede o local para a exposición.

Pintura e escultura de tódolos estilos e tendencias, percorren unha longa traxectoria histórica con obras que van dende os anos 20 do século pasado ata hoxe. A Sala de Exposicións do Auditorio Municipal do Carballiño, como díciamos, acolle esta mostra que estará aberta ata o día 8 de xaneiro, en horario de 19,30 a 22 horas e de 11 a 13,30 ós domingos.

No acto inaugural máis dun cento de persoas déronse cita, mesturándose autores, familiares e amigos, nun curto pero emotivo acto que permitiu ver as mostras de talento artístico que esta comarca atesoura. Cando remate esta Exposíción, o Centro de Estudios Chamoso Lamas ten prevista a edición dun catálogo da mesma.

RELACIÓN DE ARTISTAS PARTICIPANTES

Abelardo Zeta, Xesús Carballido, Ana Ferreiro, José Moleiro, Ignacio Granero Martín, Xosé Fraiz, Fray Luis de Oseira, Mª José González González, Fernando Blanco Guerra, Felipe Senén López, Antón Vila, Manuel Chamoso Lamas, Xosé Anxo González, Juan Valcárcel, Chicho Carballido, Antonio Caíña, Mariano Ortega, César Taboada, Olalla Soutullo, Felipe Bardelás, Raúl H. Rodríguez, Albert Brull, Olalla Barrosa Pereira, Alexandre Fernández Sobrado, Mingos Teixeira, Freixas Vivó, Paco Folión.

Descargar arquivo
Descargar arquivo
Info
5 Setembro 2014

A andaina nocturna, un éxito

O sábado, día 6, ás 20,45 horas e como acordaramos, xuntámonos no Campo da festa de Madarnás  para poder realizar unha camiñata en horario nocturno e contemplar os petroglifos da zona de Cangues e Madarnás baixo a luz da noite e das lanternas.Como resultado dicir, sinxelamente, un éxito. Sobre 70 persoas démonos cita para tal evento. Despois, dunha saída na que a noite convidaba ó paseo, unha andaina de máis de 2 km levounos ó noso destino onde poidemos ver in situ, baixo as interesantes indicacións de Juanjo e Jorge Lamas e a luz artificial, o legado dos nosos devanceiros inscrito nas rochas. Ó fondo a visión nocturna do Carballiño, a noite cun luar fermoso e un ceo estrelado. Como remate, unhas empanadas, unha bebidas e unha extraordinaria queimada ofertada pola Asociación de Veciños de Madarnás, perfectamente elaborada polo amigo Adolfo Otero e magnificamente escenificada por Eduardo.

Queremos agradecervos a vosa presenza e atención connosco e, en especial, ós máis novs que vemos que son amantes deste tipo de iniciativas. Grazas, tamén, ós veciños de Madarnás que, como sempre, están aí para botar unha man.

A próxima en outubro e por terras de Garabás.

Páxinas

Subscribirse a Convocatorias