Torques de honra ACTO DE ENTREGA O 30 DE DECEMBRO DO TORQUES DE HONRA 2022 AO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE, QUE RECOLLEU O SEU DIRECTOR, PABLO SÁNCHEZ FERRO

O Centro de Estudios Chamoso Lamas entregou o venres, 30 de decembro, o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. O acto, que foi aberto ao público, tivo lugar no Aparthotel Arenteiro.

Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, foi recollido polo director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro.

Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quixo distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada.

Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, á proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.        

 

TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA

O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o décimo, tres de xeito extraordinario e sete con carácter ordinario e bianual:

  • Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
  • En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
  • En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
  • En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
  • En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra. 
  • En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
  • En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.

 

Galería

Para ver a galería de fotos so temos que premer en cada foto e esta ampliarase