Novas

Info
12 Decembro 2019

O Torques de Honra 2019 para os Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense

O C. E. Chamoso Lamas acurdou conceder o seu galardón Torques de Honra na edición deste ano 2019 ós Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense pola súa contribución á preservación e difusión do patrimonio documental da diócese ourensana, labor que se vén realizando sistematicamente nas últimas décadas dun xeito contínuo malia á escaseza de recursos. Neste aspecto, subliñar o papel xogado polos distintos directores na catalogación e no constante labor de captación de fondos que teñen servido para o estudo e elaboración de numerosos traballos realizados ó longo dos longos anos de vida destas institucións.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas quere recoñecer e agradecer a colaboración prestada polo persoal destes dous arquivos cos investigadores que acuden a diario ás súas instalacións, facendo unha mención especial na figura de D. Miguel Ángel González García, director dos mesmos e gran valedor de iniciativas como é a publicación Diversarum Rerum e a súa implicación persoal en numerosas actividades culturais de fomento da investigación (congresos, conferencias, publicacións, etc.).

O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de decembro, ás 20,30 horas, no Restaurante A Fuchela do Carballiño.