Novas

Info
5 Decembro 2022

TORQUES DE HONRA 2022

O CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS CONCEDE O TORQUES DE HONRA 2022 AO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

O GALARDÓN ENTREGARASE O 30 DE DECEMBRO AO DIRECTOR DO ORGANISMO NUN ACTO QUE SE CELEBRARÁ NO HOTEL ARENTEIRO DO CARBALLIÑO

 

O Carballiño, 5 de decembro de 2022.- O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, seralle entregado ao director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, nun acto aberto que se celebrará na tarde do 30 de decembro no Hotel Arenteiro do Carballiño.

Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada.

Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, á proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.        

TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA

O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o décimo, tres de xeito extraordinario e sete con carácter ordinario e bianual:

  • Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
  • En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
  • En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
  • En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
  • En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra. 
  • En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
  • En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.