Novas

Novas

Filtro
Info
6 Novembro 2017

Á venda o libro Cemiterios esquecidos do compañeiro Jorge Lamas

Dende hai uns días xa se atopa á venda o libro Cemiterios esquecidos, obra do noso compañeiro e responsable de sección de Arqueoloxía do Centro de estudios Chamoso Lamas, Jorge Lamas, que foi editado pola Deputación de Ourense. Ó longo de 365 páxinas, o autor fai unha minuciosa andaina pola cultura tumularia da comarca do Arenteiro, dando a coñecer aspectos ata agora agochados sobre estes elementos do noso legado patrimonial -inéditos na súa meirande parte- que se amosan perfectamente definidos nunhas detalladas fichas de cada un deles e nun rigoroso estudo global final que dá a ver e comprender as chaves deste interesante mundo que arrinca dende o Neolítico e que terá un importante desenvolvemento nesta área do NO da actual provincia de Ourense. Con esta obra o megalitismo da área estudada queda definitivamente encadrado nos traballos de investigación realizados en Galicia sobre esta temática e que, ata agora, estaban no anonimato. Parabéns ó noso compañeiro e ó mundo da investigación arqueolóxica.

Descargar arquivo
Info
27 Xullo 2017

Andaina ós Petroglifos de Cangues

Seguindo cos roteiros guiados levados adiante neste ano no que andamos, o Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza en colaboración co concello do Carballiño e dentro da programación cultural da Festa do Pulpo, unha andaina nocturna ós petroglifos de Cangues, en Madarnás. Estará guiada polos compañeiros Jorge Lamas, Adolfo Otero e Juanjo Álvarez e partirá do local social de Madarnás ás 22,00 h., estando previsto o encontro para as 21,30 h., deste venres 28 de xullo no campo da festa (detrás da igrexa parroquial). Neste roteiro poderanse ver coa luz da lúa e a artificial perspectivas imposibles de divisar coa do día. Tamén tratarase de valorar os sons e a escuridade da noite .

Para participar non é preciso realizar ningunha inscrición previa, pero recoméndase acudir con lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo e, os que poidan, algún material reflectante (Chaleco, manguitos, etc.). O percorrido de ida e volta é duns 6 kilómetros, aproximadamente.

Info
20 Xuño 2017

Rosa Ricoy, Premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política

A nosa compañeira do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Rosa Mª Ricoy Casas, vén de ser galardoada co Premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política como recoñecemento ó seu traballo nun proxecto educativo no que mestura o ameno co científico como xeito de atraer o interés do alumnado e mergullalo no proceso formativo dun xeito distinto pero sen perder o carácter reflexivo e educacional do sistema docente universitario. Rosa Ricoy foi durante catro anos Presidenta do C.E. Chamoso Lamas e, actualmente, ocupa o posto de profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo. Os nosos parabéns.

Info
30 Maio 2017

O sábado, día 3 de xuño, roteiro Pardo Bazán

Despois de ser adiado este roteiro pola posibilidade de fortes treboadas para a tarde do sábado, 27 de maio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas convoca a aquelas persoas que estean interesadas nesta andaina guiada para as 16,30 horas, do día 3 de xuño, para comezar un percorrido que, dende diante da Escola de Banga, levaranos ata Cabanelas. O itinerario é sinxelo, fermoso e curto polo que resulta axeitado para calquera tipo de camiñante. Remataremos na Sede do C. E. Chamoso Lamas coa proxección dun curto sobre a escritora e coa participación dos asistentes que estean interesados nun debate.

Día: Sábado, de de xuño

Hora: 16,30 horas

Punto de Encontro: Escola de Banga

Duración estimada: 3,30 horas

Info
13 Maio 2017

Andaina Ruta Emilia Pardo Bazán

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co concello do Carballiño, programa para o sábado 27 de maio, un roteiro sobre Emilia Pardo Bazán. Desenvolverase pola tarde, a partir das 16,30 h., cunha duración aproximada de tres horas e media, por Banga e Cabanelas.

O programa inclúe unha visita guiada ao pazo dos Quiroga en Banga e á igrexa de Santa Baia, para continuar despois a andaina por Cima de Vila ata Cabanelas. Alí visitaranse diversos lugares de interese, como a “Casa das caras” e despois o pazo dos Quiroga, para rematar na sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, na Casa da Bexanca, onde se proxectará un documental sobre Emilia Pardo Bazán, e levarase a cabo unha tertulia con persoas expertas na súa obra, sobre todo no tocante á súa relación con Banga, Cabanelas e O Carballiño, que a escritora deixou reflexado na novela El Cisne de Vilamorta (1885), entre outras, como La madre naturaleza.  

O punto de encontro será ás 16,30 h., o sábado, 27 de maio, fronte á escola, por ser a zona con espacio de aparcamento. E o itinerario é o seguinte: Pazo dos Quiroga de Banga, igrexa de Santa de Santa Baia, Cima de Vila, Cabanelas, Pazo dos Quiroga e Casa da  Bexanca. O recorrido é duns 3,5 km., aproximadamente, de ida, e outros tantos de volta.

Non será necesario inscribirse previamente para poder participar no roteiro.

Esta é a segunda andaina que programan este ano conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a concellería de Cultura do concello do Carballiño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural do municipio e da comarca. A primeira andaina desenvooveuse á torre medieval de Godás na pasada Semana Santa,  e unha terceira andaina terá lugar no mes de xullo aos petroglifos de Cangues, na Esgueva.

Info
13 Abril 2017

Programa de andainas 2017 co Concello de Boborás

O Centro de Estudios Chamoso Lamas e mailo Concello de Boborás teñen previsto a realización das seguintes andainas guiadas polas distintas parroquias deste concello ó longo deste ano 2017:  (Máis información en www.boboras.org

DIA MES PARROQUIA
16 ABRIL MOLDES
30 ABRIL XURENZÁS
14 MAIO CARDELLE
28 MAIO BRUÉS
11 XUÑO XENDIVE
2 XULLO ALBARELLOS
9 XULLO FEÁS
23 XULLO XUVENCOS
6 AGOSTO PAZOS DE ARENTEIRO
27 AGOSTO O REGUEIRO
3 SETEMBRO CAMEIXA
17 SETEMBRO LAXAS
1 OUTUBRO MOREIRAS
15 OUTUBRO ASTURESES
5 NOVEMBRO BRUÉS

 

Info
10 Abril 2017

Andaina para o domingo 16 de abril

En colaboración co Concello de Boborás, o C.E. Chamoso Lamas levará a cabo un roteiro guiado pola parroquia de Moldes que inclúe unha visita á igrexa románica e castro de Moldes, ó muíño catalogado  no seu día como Monumento Nacional, a adega histórica de Paradela que fora construída polo mosteiro de Sobrado, casa reitoral e Pazo dos Tizón (hoxe dos Losada), Pendellos da vella feira do Castro e Carballeira. Trátase dun percorrido doado e cuns grandes atractivos.

Info
10 Abril 2017

Andaina 9 de abril 2017

Dentro da programación cultural do Concello do Carballiño e coa colaboración do C.E. Chamoso Lamas, levamos adiante a primeira das andainas previstas. Moita xente para un Domingo de Ramos con bo tempo e mañá que animaba a camiñar. O percorrido polas beiras do río Arenteiro serviu para coñecer un chisquiño máis o noso territorio, a súa paisaxe, a súa historia e a súa arte. Conversas animadas dos camiñantes e explicacións que serviron para ir pasando unha boa xornada e que terá a súa continuación con outras dúas andainas máis programadas polo Concello do Carballiño. Ver Galería.

Info
25 Xaneiro 2017

A Axencia Estatal de Meteoroloxía publica un traballo de Miguel García e Diego Reboredo

O Calendario Meteorológico de 2017, publicación de referencia da información climátolóxica e meterolóxica de España, publica na súa última edición -saída do prelo hai uns días- un traballo baixo o título de  "El observatorio de O Carballiño (Ourense): tres décadas de estudios meteorológicos y fenológicos" do que son autores os membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Miguel A. García Pérez e Diego Reboredo Prado. O contido do mesmo é o froito da investigación levada a cabo polos dous compañeiros sobre os dados recollidos ó longo de máis de 30 anos sobre a climatoloxía e a fenoloxía no Carballiño e no que se pretende demostrar a posible interrelación existente entre as variables das dúas series.

Para a nosa comarca, e especialmentel para o noso colectivo, supón un chanzo máis no recoñecemento das súas potencialidades e, dun xeito especial, do bon facer dos seus investigadores ó seren incluídos nunha prestixiosa publicación que transcende máis aló das fronteiras do Estado e que pon en valor o traballo calado, rigoroso e sacrificado do día a día xunto ós máis renomeados e prestixiosos investigadores. Parabéns, compañeiros.

Descargar arquivo
Info
1 Novembro 2016

Xornada de Patrimonio e incendios forestais

Como estaba previsto, celebramos unha completa xornada que tivo como protagonista ó Patrimonio arqueolóxico e os efectos sobre o mesmo producidos polos lumes deste verán pasado. Pola mañá, medio cento de camiñantes acompañaron as explicacións de arqueólogos e biólogos sobre o terreo das devastadoras consecuencias dos incendios e da súa incidencia no noso legado patrimonial. O trazado escolleito para a andaina foi o chamado Coto Molín, nas parroquias de Moreiras e Brués, onde puidemos ver in situ as desfeitas das lapas sobre mámoas, restos de minería romana, fauna e vexetación.

Pola tarde unha moi interesante conferencia na Casa da Cultura do Carballiño co suxestivo título de Incendios forestais: a marea negra dos montes galegos, impartida polo Dr. Serafín González Priet ben acompañada dunha abondosa relación de datos e imaxes, convidaba a unha seria reflexión sobre as consecuencias do lume sobre o medio natural e sobre as persoas.

Páxinas