Novas

Novas

Filtro
Info
18 Abril 2016

Presentación X Congreso do home e o medio

No Salón de Plenos do Concello do Carballiño tivo lugar a presentación diante dos medios de comunicación da X edición do Congreso do home e o medio que se vai celebrar os días 14, 15 e 16 de maio na sede social do C.E. Chamoso Lamas, en Cabanelas, e que este ano conta xa, a día de hoxe, cun total de 52 relatorios presentados nos que destaca, como xa é norma, a presenza de traballos de investigación de disciplinas variadas. Fíxose un repaso polo amplo programa de actividades e lembrouse o apoio por parte da Universidade de Vigo e mailo Concello do Carballiño. Tamén se suliñou a importancia que ten este Congreso para as comarcas do Carballiño e O Ribeiro e o legado que deixaron as nove edicións anteriores a xeito de máis de 300 traballos de investigación publicados, o que converte a este evento nun referente a nivel galego. 

Info
17 Abril 2016

Membros da sección de Arqueoloxía nas illas Cíes

Varios integrantes da sección de Arqueoloxía do Centro de Estudios Chamoso Lamas desplazáronse ata as illas Cíes co gallo de complementar o proceso de formación dos guías do Parque das Illas Atlánticas e, deste xeito, corresponder á visita cursada por estes ás terras do Carballiño hai unhas semanas. Hai que suliñar que dous membros do colectivo -Manuel García Valdeiras e Jorge Lamas Bértolo- traballaron durante varias campañas en traballos de excavación e estudo dos xacimentos arqueolóxicos existentes nestas illas.

Malia a xornada chuviosa, o día foi intenso e proveitoso. VER GALERÍA.

Info
22 Marzo 2016

Visita de membros da Asociación de Guías das Illas Atlánticas

Membros deo Grupo Ecoloxista Outeiro e Centro de Estudios Chamoso Lamas amosaron esta fin de semana o noso patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural a 25 membros de AGAIA (Asociación de Guías Acreditados do Parque Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia), que quixeron nesta primeira xornada visitar a comarca do Carballiño.

Os compañeiros Jorge Lamas,  Diego Reboredo e Juanjo Alvarez mostraron ós convidados a riqueza arqueolóxica das terras de Beariz, comezado pola monumental necrópole megalítica de Garfian, onde aínda podemos ver varias tumbas de fai 6000 anos. Seguindo polo camiño da montaña puideron ver a carballeira de Doade, con importante riqueza medio ambiental e etnográfica, que áínda conserva a súa tradicional feira. Continuaron visitando a Mámoa de Xirazga, situada á biera da capela de Santo Domingo e, posteriormente, a aldea de Ricovanca, coa súa vella ponte e muíño, mostras extraordinarias da arquitectura popular.

Os membros de AGAIA, moi satisfeitos coa visita, incluirán o aprendido nos roteiros interpretativos que realizarán no veránl.

Descargar arquivo
Info
9 Marzo 2016

Presentación das Actas dos VIII e IX Congresos

O venres, día 11, ás 8 da tarde na Casa da Cultura do Carballiño, terá lugar o acto de presentación das Actas correspondentes ós anos 2012 e 2014 (VIII e IX edicións) do noso congreso do Home e o Medio. Con este sinxelo acto, o Centro de Estudios Chamoso Lamas cumpre cunha das facetas máis importantes de calquera organización congresual: a edición e difusión do exposto no mesmo polos investigadores que, cada edición, aportan o seu traballo e o seu saber en beneficio da comunidade.

O acto será público.

Info
6 Febreiro 2016

Presentación da revista Argentarium

Diante dunha boa concurrencia, o Salón de Actos do Casino do Carballliño, acolleu o acto da presentación pública do número 6 de Argentarium. Despois dun fermoso introito musical de piano, Jorge Lamas, Miguel García e Xosé Luis Sobrado, foron os encargados de ir presentando ó público cada un dos 15 traballos de investigación que compoñen este número. Subliñar, unha vez máis, a vocación divulgativa -sen faltar nunca ó rigor científico- que esta revista ten demostrado ó longo dos números publicados dende a súa aparición deica ó día de hoxe.Despois deste repaso polo seu contido, abreuse un interesante coloquio entre o público asistente que prolongou o acto e posibilitou o intercambio de pareceres e de suxestións. Por parte o Centro de Estudios Chamoso Lamas, o nos agradecemento ós asistentes e o compromiso de que, dende agora, trataremos de que a revista saia publicada anualmente.

Dende agora pode ser adquirida nas librerías Castro e Escolma ó prezo de 15 euros.

Descargar arquivo
Descargar arquivo
Info
30 Xaneiro 2016

O 5 de febreiro, presentación do nº 6 de Argentarium

O venres, día 5 de febreiro, ás 20 horas no Salón de Actos do Casino do Carballiño terá lugar a presentación do número 6 da revista Argentarium do Centro de Estudios Chamoso Lamas nun acto público co que se pretende dar a acoñecer á sociedade carballiñesa os distintos traballos de investigación que dán forma e vida ó seu contido ó longo das súas 180 páxinas. Arte, historia ou educación  son algunhas das disciplinas que conforman esta nova achega que, desexamos e agardamos, sexan de proveito e estímulo para os seus lectores.

Info
5 Xaneiro 2016

Presentación do número 6 da nosa revista Argentarium

Nuns días -en data que se comunicará oportunamente- presentaremos en público o número 6 da nosa revista Argentarium. Como nas ocasións anteriores, está chea de interesantes traballos de investigación que veñen, de novo, a demostrar a nosa riqueza patrimonial, histórica, natural e artística desta zona. Ó longo de 184 páxinas, poderemos ollar un total de 15 traballos realizados por investigadores de aquí e sobre temas de aquí, como diciamos, cunha ampla variedade temática e disciplinar que vén enriquecer o elenco que esta publicación ten aportado nos seus 5 números anteriores e os 6 anexos,

Finalmente, comentar que nesta ocasión a revista está dedicada a dúa persoas que tiveron un papel fundamental na nosa Cultura e vinculados dun xeito moi especial co noso Colectivo: Frei Damián Yáñez e Olimpio Liste.

Info
8 Decembro 2015

Entrega do Torques de Honra ó Museo Etnolóxico de Ribadavia

O vindeiro día 18 de decembro, ás 20,30 horas, no restaurante A Fuchela do Carballiño, faremos entrega nun acto solemne ó Museo Etnolóxico de Ribadavia do noso Torques de Honra como entidade galardoada nesta V Edición. Esta institución valora o traballo a prol da defensa, conservación e difusión da nosa cultura levados a cabo ó longo dos perto de 50 anos transcurridos dende a súa fundación. Nestes anos, o museo leva recollido unha importante mostra de pezas procedentes desa Galicia que se nos vai, especialmente do mundo do viño e da industria rural, acompañada por un dos mellores fondos fotográficos e orais do noso país sendo, ó tempo, un elemento activo na difusión social e elemento dinamizador de actividades que acheguen o mundo dos museos ó público en xeral. A decisión unánime dos membros do Centro de Estudios Chamoso Lamas nesta elección avala e valora a proposta de recoñecemento a esta entidade.

Info
18 Novembro 2015

X CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS

Baixo o título de "O Home e o Medio. Os estudos comarcais como base da investigación", o Centro de Estudios Chamoso Lamas celebrará os vindeiros días 15, 16 e 17 de maio de 2016 o seu 10º Congreso. Un ano máis o colectivo aposta pola variedade disciplinar para traer a estas terras distintas opcións e modelos de investigación que inflúan e sirvan de referente para os investigadores que en cada edición se dan cita no mesmo.

Antes, serán presentadas en público as Actas das dúas pasadas edicións nas que se recollen máis de 50 traballos de investigación presentadas ás mesmas.

Tamén, como nas anteriores edicións, o Centro de Estudios Chamoso Lamas está a traballar para que o alumnado universitario se vexa favorecido na súa asistencia mediante a concesión de créditos ECT e diploma de 30 horas de asistencia outorgados pola Universidade de Vigo e, tamén, coa validación por parte da Consellería de Educación para ensinantes.

As persoas que estean interesadas en participar terán, nuns días, máis información no apartado Congreso desta páxina web e os que desexen presentar algunha comunicación poderán facelo seguindo as normas habituais que rexeron nas demais edicións, tendo como prazo ata o día 15 de abril de 2016.

Info
13 Setembro 2015

Chuviosa andaina a Castro Cavadoso

A bendita chuvia fixo aparición este domingo, 13 de setembro, para animar esta andaina pois, aínda que se poidese pensar o contrario, o que provocou foi motivar máis ós numerosos asistentes a esta cita. Saímos ás 10 da mañá do acougo do vello pendello da Feira de Moldes baixo un abondoso manto de auga pero chuvasqueiros e paraugas serviron para tirar camiño de Paradela e, logo, baixar cara ó Castro Cavadoso. Unha andaina curta pero fermosa, monumental e cunha paisaxe envexable que o ano que vén esperamos repetir cando este xacemento xa estea totalmente limpo e comecen as desexadas escavacións arqueolóxicas.  Ver fotos en Galerías.

Páxinas