Convocatorias

Convocatorias

Info
9 Marzo 2016

Presentación das Actas dos VIII e IX Congresos

O venres, día 11, ás 8 da tarde na Casa da Cultura do Carballiño, terá lugar o acto de presentación das Actas correspondentes ós anos 2012 e 2014 (VIII e IX edicións) do noso congreso do Home e o Medio. Con este sinxelo acto, o Centro de Estudios Chamoso Lamas cumpre cunha das facetas máis importantes de calquera organización congresual: a edición e difusión do exposto no mesmo polos investigadores que, cada edición, aportan o seu traballo e o seu saber en beneficio da comunidade.

O acto será público.

Info
30 Xaneiro 2016

O 5 de febreiro, presentación do nº 6 de Argentarium

O venres, día 5 de febreiro, ás 20 horas no Salón de Actos do Casino do Carballiño terá lugar a presentación do número 6 da revista Argentarium do Centro de Estudios Chamoso Lamas nun acto público co que se pretende dar a acoñecer á sociedade carballiñesa os distintos traballos de investigación que dán forma e vida ó seu contido ó longo das súas 180 páxinas. Arte, historia ou educación  son algunhas das disciplinas que conforman esta nova achega que, desexamos e agardamos, sexan de proveito e estímulo para os seus lectores.

Info
5 Xaneiro 2016

Presentación do número 6 da nosa revista Argentarium

Nuns días -en data que se comunicará oportunamente- presentaremos en público o número 6 da nosa revista Argentarium. Como nas ocasións anteriores, está chea de interesantes traballos de investigación que veñen, de novo, a demostrar a nosa riqueza patrimonial, histórica, natural e artística desta zona. Ó longo de 184 páxinas, poderemos ollar un total de 15 traballos realizados por investigadores de aquí e sobre temas de aquí, como diciamos, cunha ampla variedade temática e disciplinar que vén enriquecer o elenco que esta publicación ten aportado nos seus 5 números anteriores e os 6 anexos,

Finalmente, comentar que nesta ocasión a revista está dedicada a dúa persoas que tiveron un papel fundamental na nosa Cultura e vinculados dun xeito moi especial co noso Colectivo: Frei Damián Yáñez e Olimpio Liste.

Info
18 Novembro 2015

X CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS

Baixo o título de "O Home e o Medio. Os estudos comarcais como base da investigación", o Centro de Estudios Chamoso Lamas celebrará os vindeiros días 15, 16 e 17 de maio de 2016 o seu 10º Congreso. Un ano máis o colectivo aposta pola variedade disciplinar para traer a estas terras distintas opcións e modelos de investigación que inflúan e sirvan de referente para os investigadores que en cada edición se dan cita no mesmo.

Antes, serán presentadas en público as Actas das dúas pasadas edicións nas que se recollen máis de 50 traballos de investigación presentadas ás mesmas.

Tamén, como nas anteriores edicións, o Centro de Estudios Chamoso Lamas está a traballar para que o alumnado universitario se vexa favorecido na súa asistencia mediante a concesión de créditos ECT e diploma de 30 horas de asistencia outorgados pola Universidade de Vigo e, tamén, coa validación por parte da Consellería de Educación para ensinantes.

As persoas que estean interesadas en participar terán, nuns días, máis información no apartado Congreso desta páxina web e os que desexen presentar algunha comunicación poderán facelo seguindo as normas habituais que rexeron nas demais edicións, tendo como prazo ata o día 15 de abril de 2016.

Info
13 Setembro 2015

Chuviosa andaina a Castro Cavadoso

A bendita chuvia fixo aparición este domingo, 13 de setembro, para animar esta andaina pois, aínda que se poidese pensar o contrario, o que provocou foi motivar máis ós numerosos asistentes a esta cita. Saímos ás 10 da mañá do acougo do vello pendello da Feira de Moldes baixo un abondoso manto de auga pero chuvasqueiros e paraugas serviron para tirar camiño de Paradela e, logo, baixar cara ó Castro Cavadoso. Unha andaina curta pero fermosa, monumental e cunha paisaxe envexable que o ano que vén esperamos repetir cando este xacemento xa estea totalmente limpo e comecen as desexadas escavacións arqueolóxicas.  Ver fotos en Galerías.

Info
8 Setembro 2015

Andaina a Castro Cavadoso

O domingo, día 13, faremos novamente a andaina dende Moldes a Castro Cavadoso. É un percorrido curto -só 4 km- pero cheo de arte e natureza. Os interesados en acudir a esta camiñada, deberán estar ás 10 horas no Campo do San Benito, diante da igrexa de Moldes-Boborás. Podedes consultar o cartel no arquivo adxunto. Ó remate da mesma, tomaremos un petisco na Almuzara.

Descargar arquivo
Info
23 Agosto 2015

Presentación do libro da electricidade

O pasado venres, día 21, no Salón de Actos do Casino do Carballiño, foi presentado en público polos seus autores, membros do C. E. Chamoso Lamas, Francisco Fumega e Xosé Luis Sobrado o libro que leva por título O proceso de electrificación do noroeste ourensán, un extenso estudio sobre a aparición e expansión da electricidade na nosa comarca e zonas próximas a ela. Acto no que fixo a presentación dos autores o historiador Juan Manuel Rodríguez, contando cun numeroso e variado público que acompañou este evento. En días pasados fora presentado institucionalmente na Deputación de Ourense polo seu presidente D. Manuel Baltar.

Info
23 Agosto 2015

Andaina de Maside

Malia á chuvia que apareceu no treito final do percorrido, a Andaina por terras masidás que no seu día fora suspendida, congregou a un importante número de camiñantes que puideron ver a beleza da paisaxe e a riqueza patrimonial que este concello atesoura, acompañados polas detalladas explicacións de Jorge Lamas e Juanjo Álvarez. A próxima andaina está prevista para o día 13 de setembro ó castelo e conxunto de Castro Cavadoso, sendo a saída ás 10 horas dende a igrexa de Moldes, Boborás.

Podedes ver as fotos da andaina en Galerías

Info
9 Xuño 2015

O libro "O proceso de electrificación do noroeste ourensán" na Feira do Libro

Na presente edición da Feira do Libro de Ourense, a Deputación Provincial presentou como novidade na súa caseta a publicación "O proceso de electrificación do noroeste ourensán" da que son autores os membros do C. E. Chamoso Lamas, Francisco Fumega e Xosé L. Sobrado. A citada obra conta cun total de 254 páxinas nas que se fai unha análise do apaixoante proceso no que a electricidade conquistou este territorio, converténdose nun dos lugares pioneiros de Galicia en contar con este sistema enerxético. Ademais faise un repaso das variadas fórmulas adoptadas para a implantación deste novidoso sistema na área xeográfica estudada e, tamén, unha achega ós seus protagonistas.
 

Descargar arquivo
Info
27 Maio 2015

Faleceu frei Damián Yáñez Neira

Despois dun curto proceso no que a enfermidade fíxose dona do seu corpo, hoxe, ós 98 anos, faleceu o noso Socio de Honra e Torques de Honra 2013, o padre Damián. Home entegado de por vida á súa vocación relixiosa, soubo compaxinar esta condición vocacional coa de investigador e estudioso da nosa historia. Foi ademais o responsable dende a súa chegada ó mosteiro de Oseira de recuperar a biblioteca, conquerindo que se convertese nunha das máis importantes de Galicia e un referente dentro das existentes na comunidade cisterciense española. Deixa como legado, centos de traballos de investigación, colaboracións en publicacións especializadas de historia e temática relixiosa, enciclopedias e un longo repertorio. Tamén, recuperou moitas das pezas bibliográficas desaparecidas da antiga biblioteca monástica. Pero un dos máis importantes labores ós que dedicou unha boa parte da súa vida, foi o promover a realización dos congresos do Cister en Galicia e Portugal. No tocante á nosa comarca, foron constantes as súas participacións nos nosos congresos do Home e o Medio, así como as súas colaboracións na nosa revista Argentarium.

Home reservado e prudente, foi sempre unha porta aberta e un apoio constante para os investigadores que se acercaban a Oseira.

Páxinas

Subscribirse a Convocatorias