Novas

Novas

Filtro
Info
10 Maio 2022

Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas

O Centro de Estudios Chamoso Lamas elabora o próximo congreso, que se desenvolverá baixo o título de “XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS: VALORIZACIÓN E XESTIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL E MEDIOAMBIENTAL” a finais do mes do setembro e comezo de outubro na súa sede da Casa da Bexanca en Cabanelas.
O colectivo programa para o mes de xuño e xullo dúas rutas culturais guiadas: unha urbana polo casco histórico da vila e outra pola senda do río Arenteiro entre a Ponte Veiga e a Ponterriza.
Trala formación da nova xunta directiva, o Centro de Estudios Chamoso Lamas retoma a plena actividade programando unha serie de actividades e eventos que se desenvolverán durante este ano 2022.
Así, estase a elaborar o próximo congreso do centro de estudios, que se desenvolverá baixo a título de “XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS: VALORIZACIÓN E XESTIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL E MEDIOAMBIENTAL” a finais do mes de setembro e comezos de outubro na sede da Casa da Bexanca en Cabanelas. En concreto, as datas previstas para a celebración son o 30 de setembro e o 1 e 2 de outubro.
Nesta edición, que se aprazou o pasado ano por causa das restricións derivadas da pandemia do coronavirus, o centro de estudios quere poñer en valor o importante patrimonio cultural e medioambiental do Carballiño e a comarca, así como avaliar os modelos de xestión actuáis e propoñer novas alternativas encamiñadas tanto á súa conservación como á divulgación.
Está previsto ultimar o programa e presentalo a finais do mes de xuño, abríndose o prazo para a presentación de traballos e para as inscricións.
Do mesmo xeito que nos anteriores congresos, estase a tramitar a colaboración da Universidade de Vigo co obxectivo de que as persoas inscritas poidan obter os cretos académicos correspondentes.

Info
30 Xaneiro 2022

Presentación do libro "Tostado. El vino noble de Galicia".

O pasado día 17 de xaneiro deste ano 2022, en colaboración co Concello do Carballiño, o Centro de Estudios Chamoso Lamas presentou no Salón de Plenos da Casa do Concello o libro "Tostado. El vino noble de Galicia", obra da que é autor o profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Castro. Despois dunha pequena introdución e apuntes sobre a biografía do autor por parte de Xosé L. Sobrado, o autor do libro e hsitroriador comezou a súa intervención facendo unhas merecidas gabanzas a este exquisito viño, ó seu descoñecemento por parte do gran público e facendo un amplo repaso da súa historia, especialmente ó longo dos séculos de cando saía das adegas do Ribeiro e chegaba ás mesas máis refinadas das terras inglesas. Descubriunos aspectos descoñecidos e curiosidades sobre esta refinada bebida así como os métodos de elaboración da mesma e outros apuntes de carácter social e económico relacionados co tostado. O acto pechouse cun interesante debate entre o autor e o numeroso público asistente ó acto.

Info
30 Xaneiro 2022

Carlos Rodríguez, novo Presidente do C. E. Chamoso Lamas

Cando as condicións sanitarias así o permitiron, o Centro de Estudios Chamoso Lamas celebrou na súa sede de Velvís-Cabanelas a adiada Asamblea na que había que elixir a súa nova Xunta directiva, tal e como establecen os estatutos do colectivo. Con este obrigado retraso no tempo, Carlos Alberto Rodríguez Calvo, Vicepresidente nestes últimos anos da insititución, resultou elixido por unanimidade pra o cargo de Presidente da xunta que rexerá o colectivo neste próximo mandato.

Carlos Rodríguez, xornalista, escritor e socio fundador do C. E. Chamoso Lamas, ademais de activo membro, é persoa moi coñecida e recoñecida no Carballiño e a súa comarca. É autor de diversas publicacións e persoa moi ligada ó mundo da cultura e da comunicación. Dentro da súa traxectoria, dicir que é un gran coñecedor da nosa cultura e home moi implicado na organización de eventos que teñen relación coa súa creación e difusión.Convértese, deste xeito,no cuarto rexedor do colectivo despois de Rosa María Ricoy Casas, Francisco Fumega Piñeiro e Xosé L. Sobrado Pérez nos 28 anos de vida do C.E. Chamoso Lamas.

 

Info
3 Outubro 2021

De volta. Presentación da revista Argentarium 25 anos.

Despois desta longa e dura etapa xerada pola COVID 19, estamos de volta pra reiniciar as nosas actividades. Foron moitos meses nos que, na realidade, non paramos no noso labor a prol da nosa Cultura e traballando cos nosos proxectos como vimos facendo dende hai máis dun cuarto de século. Nós seguimos -cando as circunstancias así o permitían- organizando roteiros guiados,teimando na edición da nosa revista, colaborando na edición doutras publicacións e programando outras futuras, así como pensando no noso Congreso que volveremos organizar en canto sexa posible e, tamén, nalgunha outra visita guiada a diversos lugares da nosa xeografía que axiña realizaremos. Tampouco descoidamos a nosa xestión interna, na que subliñamos o acordo coa Deputación de Ourense que vainos permitir abordar novos e importantes proxectos cara ó futuro da Entidade. No medio, obras na nosa sede e outros avatares e ampliando a nosa biblioteca coa impagable axuda do noso mentor Felipe Senén López.

Presentación da nosa revista Agentarium.

O venres, día 8, ás  20,30 horas, no Salón de Plenos do Concello do Carballiño, faremos a presentación oficial do número especial dos nosos 25 anos. Cun certo retraso polas circunstancias indicadas e outras xurdidas no camiño, non foi posible facelo antes. O importante é que velaquí está e amosa, de novo, a capacidade dos integrantes do noso colectivo por sacar adiante traballos dun indiscutible valor científico e esforzo investigador que veñen pór en valor a nosa realidade e o noso rico pasado. Ó longo de 250 páxinas, este número presenta un importante abano de temáticas que teñen como resultando final un moi interesante aporte ó coñecemento destas terras.

Info
23 Maio 2021

Emilia Pardo Bazán

Nunha mañá primaveral con algo de chuvia e con moito entusiasmo despois de máis dun ano sen actividades deste tipo, a Praza Maior do Carballiño serviu de punto de encontro e saída deste roteiro organizado co patrocinio do Concello do Carballiño e destinado a percorrer lugares relacionados coa vida carballiñesa desta autora. Iniciouse coa benvida por parte do concelleiro de Cultura, Diego Fernández pra, deseguido, comezar coas explicacións por parte de Carlos Rodríguez diante da casa dos Quiroga, punto habitual de residencia nas estadías carballiñesas da autora de El cisne de Vilamorta. Despois de varias paradas, visita á igrexa románica de Mesego polo vello Camiño Real e explicacións a cargo do arqueólogo Jorge Lamas. Camiño de Banga, a chuvia fixo presenza e cun paso máis apurado entramos neste lugar onde, Xosé Fernández estudoso do tema, explicou a construción da Escola alí existente pagada polos emigrados na Arxentina así como o papel de Emilia Pardo Bazán na Educación e os seus vínculos con persoeiros destacados nos procesos que permitiron o avance da mesma nos primeiros anos do século pasado. Visita ó Pazo dos Quiroga en Banga e contemplación das vistas espectaculares do Ribeiro e, posteriormente, ó cruceiro, cemiterio e igrexa parroquial con explicacións, de novo, por parte de Jorge Lamas. Cunha melloría importante no tempo, baixada cara a Cima de Vila e parada obrigada diante doutras das propiedades da familia Quiroga: o pazo de Cima de Vila -hoxe propiedade da familia Otero- e a adega medieval. Baixada pola vella verea cara Quintela e remate final no Pazo de Suasventás onde xa cun sol brillante novamente, Carlos Rodríguez, fixo o epílogo sobre a traxectoria literaria da Pardo Bazán e a influencia destas terras na súa obra. Punto e final a unha andaina intensa e desexada. Visita á espectacular adega do pazo por xentileza dos seus moradores e viaxe de volta.

O comportamento dos asistentes no tocante ás normas COVID 19 foi en todo momento exemplar. Só desexar que esta experiencia fose do voso agrado e darvos as grazas pola vosa asistencia e atención.

Info
20 Maio 2021

Andaina guiada ata Cabanelas

Tomando como referencia a obra "El cisne de Vilamorta" de Emilia Pardo Bazán, o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a área de Cultura do Concello do Carballiño organizan pra este sábado, día 22 de maio, unha andaina guiada por membros do noso colectivo, deténdose naqueles lugares directamente relacionados coa dita obra literaria e con outros elementos de tipo patrimonial de carácter histórico e artístico onde faremos unhas pequenas reseñas pra unha mellor comprensión tanto do legado da autora como do noso pasado histórico.

Saída: 10 horas   (Procurade estar 10 minutos antes)

Percorrido: Líneal. O Carballiño-Cabanelas. 5,5 km aprox. Deterémonos no casco urbano, Mesego, Sagra, Banga, Cima de Vila e Cabanelas. A volta será libre, podendo regresar a pé ou, os que o queiran, deixar antes vehículo en Cabanelas ou buscar calquera outra fórmula de transporte.

Equipamento: roupa e calzado cómodos, chuvasqueiro e paraugas. Auga e algo de comida.

Grao de dificultade: baixo.

Duración estimada: 3 horas.

 

 

Info
18 Decembro 2020

Esta semana, premio especial do Nadal na Hemeroteca.

Por xentileza e grazas á colección particular do noso compañeiro Francisco Fumega, presentamos este número (nº 320) especial que a célebre revista ilustrada Vida Gallega dedicara no mes de outubro do ano 1926 ó Carballiño. Trátase, sen dúbida, dunha xoia que, pensamos, será do interese colectivo polo seu valor histórico e documental, así como pola variedade de temas -literarios, sociais, etc- e unha interesante reportaxe fotográfica centrada sobre aqueles difíciles anos da nosa máis recente historia.

 

Info
9 Decembro 2020

Esta semana traemos A Voz das parroquias

A Voz das parroquias é o voceiro do sentir das parroquias que integran o Concello do Carballiño e a manifestación de que, malia ós malos tempos que vive o mundo asociativo e demográfico do rural, son entes vivos e desexosos de amosar a súa existencia e a súa realidade. A publicación naceu impulsada dende as Asociacións de Veciños, intentando dar a coñecer ó público as súas deficiencias, carencias, ancellos e tamén aportar criterios para buscar sempre posibles solucións a estas problemáticas cotiás pero, sobre todo, crear conciencia parroquial.

O número 0 que hoxe presentamos, viu a luz a finais de decembro do ano de 1993, publicándose a posteriori outros 16 números que contan con numerosas colaboracións de etnografía, historia, xoegrafía, toponimia e outras disciplinas que enriquecen estsa iniciativa. Detrás dela, un inmenso esforzo e ilusión de quen capitanea este interesante movemento asociativo.

Info
23 Novembro 2020

Ambiente, publicación desta semana.

Ambiente resulta ser a publicación que conta con máis números das realizadas ata agora nas terras do Carballiño. Editada pola Acción Católica do Carballiño, durante varios anos recolleu as novas salientables do acontecer local.

Editada maioritariamente en castelán, tamén foi pioneira no emprego da nosa lingua naqueles difíciles tempos.

Contou con numerosas colaboracións de tipo relixioso, cultural, social e deportivo saídas das plumas de persoeiros de recoñecido prestixio como Otero Pedrayo, Ferro Couselo ou Fariña Jamardo, ademais dun numeroso elenco de colaboradores locais.

Info
10 Novembro 2020

Orcellón, unha publicación que marcou unha época.

Hoxe traemos á nosa páxina o número 1 da revista Orcellón, publicación da A. C. Avantar que encetaba a súa andaina o 17 de maio de 1980. Foi unha publicación importante, como xa diciamos, porque supuxo un aire novo dentro do ambiente cultural da vila coa incoroporación de colaboracións dun elevado interese e compromiso político e persoal nunhas datas de cambio social.

Tamén comprometido foi o atravemento de Xosé Fariña Jamardo de levar adiante o seu Boletín de información municipal que subiamos á rede a semana pasada. Nuns tempos onde a liberdade de expresión era unha utopía -corría o ano 1955- e a política resultaba ser un tema tabú e un couto pechado, Fariña Jamardo foi quen de achegar información e transparencia  da vida municipal e do que dentro do Concello acontecía á veciñanza. Un duro traballo e un moi meritorio esforzo para uns tempos difíciles.

Páxinas