Novas

Info
3 Outubro 2021

De volta. Presentación da revista Argentarium 25 anos.

Despois desta longa e dura etapa xerada pola COVID 19, estamos de volta pra reiniciar as nosas actividades. Foron moitos meses nos que, na realidade, non paramos no noso labor a prol da nosa Cultura e traballando cos nosos proxectos como vimos facendo dende hai máis dun cuarto de século. Nós seguimos -cando as circunstancias así o permitían- organizando roteiros guiados,teimando na edición da nosa revista, colaborando na edición doutras publicacións e programando outras futuras, así como pensando no noso Congreso que volveremos organizar en canto sexa posible e, tamén, nalgunha outra visita guiada a diversos lugares da nosa xeografía que axiña realizaremos. Tampouco descoidamos a nosa xestión interna, na que subliñamos o acordo coa Deputación de Ourense que vainos permitir abordar novos e importantes proxectos cara ó futuro da Entidade. No medio, obras na nosa sede e outros avatares e ampliando a nosa biblioteca coa impagable axuda do noso mentor Felipe Senén López.

Presentación da nosa revista Agentarium.

O venres, día 8, ás  20,30 horas, no Salón de Plenos do Concello do Carballiño, faremos a presentación oficial do número especial dos nosos 25 anos. Cun certo retraso polas circunstancias indicadas e outras xurdidas no camiño, non foi posible facelo antes. O importante é que velaquí está e amosa, de novo, a capacidade dos integrantes do noso colectivo por sacar adiante traballos dun indiscutible valor científico e esforzo investigador que veñen pór en valor a nosa realidade e o noso rico pasado. Ó longo de 250 páxinas, este número presenta un importante abano de temáticas que teñen como resultando final un moi interesante aporte ó coñecemento destas terras.