Novas

Info
23 Maio 2021

Emilia Pardo Bazán

Nunha mañá primaveral con algo de chuvia e con moito entusiasmo despois de máis dun ano sen actividades deste tipo, a Praza Maior do Carballiño serviu de punto de encontro e saída deste roteiro organizado co patrocinio do Concello do Carballiño e destinado a percorrer lugares relacionados coa vida carballiñesa desta autora. Iniciouse coa benvida por parte do concelleiro de Cultura, Diego Fernández pra, deseguido, comezar coas explicacións por parte de Carlos Rodríguez diante da casa dos Quiroga, punto habitual de residencia nas estadías carballiñesas da autora de El cisne de Vilamorta. Despois de varias paradas, visita á igrexa románica de Mesego polo vello Camiño Real e explicacións a cargo do arqueólogo Jorge Lamas. Camiño de Banga, a chuvia fixo presenza e cun paso máis apurado entramos neste lugar onde, Xosé Fernández estudoso do tema, explicou a construción da Escola alí existente pagada polos emigrados na Arxentina así como o papel de Emilia Pardo Bazán na Educación e os seus vínculos con persoeiros destacados nos procesos que permitiron o avance da mesma nos primeiros anos do século pasado. Visita ó Pazo dos Quiroga en Banga e contemplación das vistas espectaculares do Ribeiro e, posteriormente, ó cruceiro, cemiterio e igrexa parroquial con explicacións, de novo, por parte de Jorge Lamas. Cunha melloría importante no tempo, baixada cara a Cima de Vila e parada obrigada diante doutras das propiedades da familia Quiroga: o pazo de Cima de Vila -hoxe propiedade da familia Otero- e a adega medieval. Baixada pola vella verea cara Quintela e remate final no Pazo de Suasventás onde xa cun sol brillante novamente, Carlos Rodríguez, fixo o epílogo sobre a traxectoria literaria da Pardo Bazán e a influencia destas terras na súa obra. Punto e final a unha andaina intensa e desexada. Visita á espectacular adega do pazo por xentileza dos seus moradores e viaxe de volta.

O comportamento dos asistentes no tocante ás normas COVID 19 foi en todo momento exemplar. Só desexar que esta experiencia fose do voso agrado e darvos as grazas pola vosa asistencia e atención.