Novas

Info
24 Novembro 2018

Entrega do premio "Pedra do destino"

No salón de actos de Portas Ártabras, sede da Asociación Galega de Amigos dos Museos, tivo lugar onte, día 23 de novembro, o acto de entrega da "Pedra do destino" co que esta asociación galardoou ó Centro de Estudios Chamoso Lamas nesta edición do ano 2018. No acto e en nome do xurado, o carballiñés Felipe Senén López, falou da traxectoria do noso colectivo e fixo mención especial do papel xogado na recuperación e difusión do noso Patrimonio comarcal. Tamén lembrou a elaboración de roteiros culturais, realización de congresos, exposicións e publicacións levados adiante polo nosa entidade, repasando outros feitos e, como non, tendo uns momentos de recordo para o seu Carballiño. O premio entregado consiste nun aporte económico de 1.500 €, ademais da entrega dun orixinal do ano 1677 da obra "Fundación, antigüedad y progresos del Imperial Monasterio de Nuestra Señora de Ossera, de la orden del Cisster", da que é autor frei Tomás de Peralta e, finalmente, dun aparello de cordaneiro do século XIX orixinario dun destes artesáns asentados no Carballiño.

Posteriormente, tomou a palabra do Presidente do C.E. Chamoso Lamas para agradecer a concesión deste premio e felicitar ós membros do colectivo polo traballo levado adiante durante 25 anos e do que agora recollemos os froitos e o recoñecemento social; facendo, ademais, un percorrido polas numerosas actividades levadas adiante ó longo destes anos e os proxectos desenvolvidos na actualidade. Para rematar o acto, o alcalde do Carballiño e membro fundador Francisco Fumega, agradeceu á Asociación de Amigos dos Museos a concesión deste galardón e a satisfación como alcalde polo traballo desenvolvido polo noso colectivo nos seus anos de existencia.