Novas

Info
17 Maio 2019

XXV Aniversario do Centro de Estudios Chamoso Lamas

Hoxe, 17 de maio, estamos de aniversario. Xa van 25 anos dende a nosa fundación como colectivo, anos nos que, entendemos, levamos aportado un importante labor de investigación, difusión e compromiso coa nosa cultura, todo elo reflectido nas nosas publicacións, exposicións, congresos, andainas e outro tipo de eventos feitos por un colectivo de xentes de aquí e para aquí. Quedan atrás, pois, dende aquela primeira xuntanza formal realizada na vella  "Casa Gazpara", moito esforzo colectivo, algún que outro erro pero moitos acertos do grupo e individuais recoñecidos con importantes premios que veñen a avalar o noso traballo ó longo deste cuarto de centuria: Premios Ínsua dos Poetas e Pedra do destin e, a título individual, o Premio Nacional de Meteoroloxía a Miguel García, Premio Antón Losada a Xosé Fernández e o Premio AECPA ó mellor proxecto á Innovación Docente concedido a Rosa Mª Ricoy. Atrás tamén quedan algúns compañeiros de viaxe como os inesquecibles frei Damián Yáñez, Socio de Honra, e o doutor Luis Rodríguez Míguez, membro deste grupo dende o seu inicio e que tanto saber, cariño e amizade deixaron no noso recordo.

Pero son os traballos colectivos onde as achegas realizadas destacan pola variedade e, sobre todo, polo interese que espertan: as 11 edicións do noso Congreso, as Bienais de Arte, conferencias e xornadas xunto coas exposicións e andainas guiadas, teñen achegado á sociedade comarcal aspectos novidosos e impensables nesta vila. A nosa Revista Argentarium con 14 números (revista e anexos) é o maior e mellor expoñente da nosa andaina ó longo destes anos, recollendo nas súas páxinas os traballos de investigación de moitas persoas que, día a día, dedican o seu esforzo e tempo en facer máis grande esta Terra.

O noso agradecemento á sociedade comarcal, ós nosos veciños de Cabanelas e a aquelas persoas, empresas e entidades que levan moitos anos colabroando activamente connosco para levar adiante os nosos proxectos, pero dun xeito especial o noso recoñecemento a Felipe Senén López e a Aurelio Miras a quen debemos eterna gratitude.