Novas

Novas

Filtro
Info
11 Outubro 2016

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, colabora nas Xornadas Monográficas de Arquitecto´s

O C. E. Chamoso Lamas  estará presente nos actos que terán lugar dentro das Xornadas Monográficas de Arquitecto´s (XMA´s) que este ano se centrarán na figura de D. Daniel Vázquez Gulías M. (Beariz, 1869 - A Coruña, 1937) e que se levarán a cabo este venres, día 14, e o sábado, día 15, na Casa da Cultura do Carballiño. Este acto conta coa presenza de numerosos e recoñecidos especialistas do mundo da arquitectura e a arte que farán un percorrido pola vida e a obra deste importante arquitecto bearicense que deixou numerosas mostras da súa impronta espalladas pola nosa xeografía. A asistencia é libre e, consideramos, dun interese especial tanto pola figura á que se lembra como pola súa traxectoria porfesional. Debaixo podedes descargar o programa PDF deste evento.

Descargar arquivo
Info
8 Setembro 2016

Actividades mes de setembro

Neste mes de setembro, en horarios que se comunicacarán oportunamente, o Centro de Estudios Chamoso Lamas, vai celebrar dous novos actos dentro da programación que para este ano ten acordado. O primeiro destes eventos vai ser a visita ó Pazo de Banga e unha posterior camiñada cara a Cabanelas dende o mesmo para, unha vez alí, celebrar unha xornada de debate sobre a escritora Emilia Pardo Bazán dentro da nosa sede da Casa da Vexanca, acto no que intervirán Mª Carmen Docampo Nóvoa, Mª Teresa Álvarez Vilar e Carlos Rodríguez Calvo. Neste mesmo acto está prevista a entrega dos diplomas do Congreso do Home e o Medio.

Para finais deste mesmo mes ou comezos do próximo de outubro, un ano máis, está prevista unha nova andaina guidada ata o xacemento arqueolóxico de Castro Cavadoso, con saída dende Moldes. Destas novas xa vos teremos debidamente informados.

Info
8 Setembro 2016

Visita de profesores de Allariz a Pazos de Arenteiro

Membros do Centro de ESTUDOS CHAMOSO LAMAS, realizamos onte, día 7 de setembro, unha visita guiada a PAZOS DE ARENTEIRO acompañando a un grupo de profesores do IES ALLARIZ. Durante máis dunha hora, cun sol máis propio de xullo e cunha temperatura abafante, percorremos as rúas explicando as orixes de Pazos e a súa monumentalidade, visitando o casco histórico desta antiga vila e amosando a súa diversidade manifestada nas distintas construcións de tipo civil, popular e relixioso que conforman a súa gran riqueza monumental. Rematada a visita, seguiron viaxe a terras de Beade para visitar Ridimoas. 

Info
2 Agosto 2016

Andaina nocturna ós petroglifos de Cangues

O sábado, día 6, ás 22 horas, faremos unha segunda edición da andaina nocturna dende o Campo da Festa de Madarnás ata ós petroglifos de Cangues. Despois do éxito da realizada o ano pasado, repetimos roteiro. Ás 21,30 os interesados deberán estar no local veciñal de Madarnás para saír cara o punto de destino.

Consellos:

Levar linterna e algo refrectante

Non fumar

Levar algunha prenda de abrigo

Podedes consultar o PDF nesta nova.

Descargar arquivo
Info
17 Xullo 2016

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, Premio Ínsua dos Poetas

O xurado do Premio Ínsua dos Poetas instítuído pola fundación que leva o mesmo nome e que preside o escritor Luis González Tosar, concedeu nesta VIII edición o seu premio no apartado de Patrimonio ó Centro de Estudios Chamoso Lamas. No acordo do xurado valórase dita concesión "a todos os seus  seus integrantes e colaboradores polo esforzó que veñen mantendo no eido do estudo e da investigación do patrimonio histórico e na divulgación da riqueza artística e natural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro". O premio foi entregado ó Presidente do C.E. Chamoso Lamas polo Alcalde do Carballiño,  Francisco Fumega, que fixo unha valoración do traballo desenvolvido polo noso colectivo ó longo destes últimos 20 anos e das achegas que ten aportado nas súas investigacións ás Comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

A entrega dos galardóns, celebrouse o sábado, 16 de xullo, na Festa da Palabra celebrada na Ínsua, en Madarnás. O acto contou coa asistencia de numerosas autoridades e unha variada e importante representaciónn do mundo da cultura galega no que se falou do importante papel que xoga e debe xogar o mundo cultural no desenvolvemento económico e social do país e, ó tempo, reivindicouse dun xeito craro a defensa da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa identidade así como da importancia da palabra e do diálogo no entendemento da humanidade.

O noso agradecemento ó xurado polo que supón para nós a concesión deste galardón e á Fundación Ínsua dos Poetas para seguir avantando no progreso e defensa da nosa cultura.

Info
29 Xuño 2016

Actos do C. E. Chamoso Lamas en días pasados

O Centro de Estudios Chamoso Lamas tivo unha importante participación en diversas actividades desenvolvidas en datas pasadas na Comarca do Carballño. O día 3 de xuño unha conferencia co título "Pulpeiros en Arcos: mito ou realidade?" dentro dos actos da Festa das Parroquias era impartida por X. Luis Sobrado. O día 11, o noso compañeiro Xosé Fernández, recibía no Pazo de Moldes o Premio Losada Diéguez no apartado de investigación, acto no que actuou de mantedor o presidente do C.E. Chamoso Lamas e que contou coa presenza de numerososas persoas vinculadas co mundo da nosa cultura e da escea política do noso país. Na súa intervención, Xosé Fernández fixo unha emotiva, curta pero apaixoada exposición sobre a vida e a figura de Vicente Risco. Parabéns para o noso compañeiro.

Finalmente, o día 18 de xuño, a sección de arquitectura do C. E. Chamoso Lamas en colaboración co Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías, participou activamente na programación e desenvolvemento da xornada de homenaxe celebrada en Maside e no Carballiño, na que se realizaron diversos actos relacionados coa obra do prestixioso arquitecto e na que participaron importantes personalidades do mundo da arte e da arquitectura de Galicia, estando presentes, ademais, membros da familia do arquitecto bearicense obxecto desta xornada.

Podedes ver as imaxes destes actos na Galería.

Info
4 Maio 2016

PROGRAMA DEFINITIVO X CONGRESO

Pódese descargar o Programa definitivo do X Congreso do Home e o medio premendo no enlace adxunto.

SERVIZO DE BUSES DENDE O CARBALLIÑO A CABANELAS IDA E VOLTA. Saída do Carballiño -fronte á Veracruz- media hora antes das sesións.

Descargar arquivo
Info
24 Abril 2016

Xosé Fernández, Premio Antón Losada 2016

O investigador e membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Xosé Fernández, resultou gañador da edición deste ano do prestixioso Premio Antón Losada Diéguez que, cada ano, convocan os concellos de Boborás e O Carballiño. Vicente Risco, mestre de mestres é o título da obra obxecto deste ben merecido galardón. Nestes últimos anos Xosé Fernández vén publicando diversos traballos relacionados co mundo da educación e do ensino, materia na que é un especialista, na revista Argentarium e na Actas do Congreso do Home e o Medio. Os nosos parabéns pola concesión.
 

Info
18 Abril 2016

Presentación X Congreso do home e o medio

No Salón de Plenos do Concello do Carballiño tivo lugar a presentación diante dos medios de comunicación da X edición do Congreso do home e o medio que se vai celebrar os días 14, 15 e 16 de maio na sede social do C.E. Chamoso Lamas, en Cabanelas, e que este ano conta xa, a día de hoxe, cun total de 52 relatorios presentados nos que destaca, como xa é norma, a presenza de traballos de investigación de disciplinas variadas. Fíxose un repaso polo amplo programa de actividades e lembrouse o apoio por parte da Universidade de Vigo e mailo Concello do Carballiño. Tamén se suliñou a importancia que ten este Congreso para as comarcas do Carballiño e O Ribeiro e o legado que deixaron as nove edicións anteriores a xeito de máis de 300 traballos de investigación publicados, o que converte a este evento nun referente a nivel galego. 

Info
17 Abril 2016

Membros da sección de Arqueoloxía nas illas Cíes

Varios integrantes da sección de Arqueoloxía do Centro de Estudios Chamoso Lamas desplazáronse ata as illas Cíes co gallo de complementar o proceso de formación dos guías do Parque das Illas Atlánticas e, deste xeito, corresponder á visita cursada por estes ás terras do Carballiño hai unhas semanas. Hai que suliñar que dous membros do colectivo -Manuel García Valdeiras e Jorge Lamas Bértolo- traballaron durante varias campañas en traballos de excavación e estudo dos xacimentos arqueolóxicos existentes nestas illas.

Malia a xornada chuviosa, o día foi intenso e proveitoso. VER GALERÍA.

Páxinas