Novas

Novas

Filtro
Info
5 Decembro 2022

TORQUES DE HONRA 2022

O CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS CONCEDE O TORQUES DE HONRA 2022 AO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

O GALARDÓN ENTREGARASE O 30 DE DECEMBRO AO DIRECTOR DO ORGANISMO NUN ACTO QUE SE CELEBRARÁ NO HOTEL ARENTEIRO DO CARBALLIÑO

 

O Carballiño, 5 de decembro de 2022.- O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, seralle entregado ao director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, nun acto aberto que se celebrará na tarde do 30 de decembro no Hotel Arenteiro do Carballiño.

Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada.

Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, á proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.        

TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA

O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o décimo, tres de xeito extraordinario e sete con carácter ordinario e bianual:

  • Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
  • En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
  • En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
  • En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
  • En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra. 
  • En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
  • En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.

 

Info
5 Outubro 2022

PROGRAMA DO XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS

P R O G R A M A

 

VENRES, 7

Casa da Cultura. O Carballiño.

10,00 h. Recepción e entrega de material.

10,30 h. Acto inaugural.

11,00 h. Descanso.

11,15 h. Mesa redonda: “Propostas para a valorización e xestión do patrimonio cultural e medioambiental nas terras do Carballiño”. Interveñen: Xosé Luis Sobrado, Carlos Montes, Francisco Fumega, Jorge Lamas. Moderador: Carlos Rodríguez.

12,30 h. Presentación e proxección do documental “Meiladas. Memoria viva do río Arenteiro”, do IES Chamoso Lamas.

13,15 h. Coloquio.

13,45 h. Remate da xornada de mañá.

16,00 h. "Lembrando a José Luis Cuerda, un ribeirao ilustre", de Carlos Rodríguez Calvo. Periodista e sociólogo. CECHL.

16,20 h. Proxección da curtametraxe rodada en Cabanelas “Primer amor”, de José Luis Cuerda.

16,24 h. Coloquio.

16,30 h. Proxección do documental “Ribeiros do Avia, Vida, Cultura e Viño”, de José Luis Cuerda.

17,35 h. Mesa redonda-Coloquio: Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro; José César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Moderador: Xosé Luis Sobrado.

18,30 h. Descanso

18, 45 h. "O Patrimonio ferido: Viño e conflicto no Ribeiro dos nosos devanceiros", de Juan M. Rodríguez. Profesor do IES Chamoso Lamas e historiador. CECHL.

19,10 h. Coloquio.

19,30 h. Descanso.

20,00 h. Conferencia inaugural.

Xosé Carlos Sierra Rodríguez. Historiador. Pertenceu ao corpo facultativo de conservadores de museos do Estado. Foi conservador e director do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Dirixiu o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela e foi subdirector xeral de Museos e Patrimonio Histórico e Documental.

21,30 h. Remate da primeira xornada.

 

SÁBADO 8

Casa da Bexanca, Belvís-Cabanelas.

09,00 h. “A granxa monástica de Gomariz: un modelo arquitectónico e histórico do noso Patrimonio”, de Xosé Luis Sobrado. Historiador. CECHL.

09,30 h. Coloquio.

09,40 h. "Clima e desenvolvemento patrimonial", de Miguel García Pérez. Meteorólogo. CECHL.

10,10 h. Coloquio.

10,20 h. “Os valados da vida. A pedra seca: patrimonio inmaterial, territorio e paisaxe”, de Óscar Gonfer. Arquitecto e investigador. CECHL

10,40 h. Coloquio.

11,00 h. Excursión cultural.

Traslado en autobús a Oseira.

11,40 h. Visita guiada ao Museo Etnográfico Liste.

12,40 h. Regreso ao Carballiño.

13,10 h. Visita guiada á Fábrica do Papel da Lavandeira e ao Museo Etnográfico do Arenteiro.

14,00 h. Remate da excursión e fin da xornada de mañá.

Pola tarde, continuación na Casa da Bexanca, Belvís-Cabanelas.

15,30 h. "Os abrigos dos lobos nos somontes do Testeiro, augas ao Miño", de Alicia González Barreiro. Profesora de Educación da Universidade de Vigo e investigadora. CECHL.

16,00 h. Coloquio.

16,10 h. "De San Fiz ao Espiño, polo roteiro dos homes da revista Nós (1926)", de Xosé Fernández Fernández. Profesor da Universidade de Vigo e investigador. CECHL.

16,40 h. Coloquio.

16,50 h. "Los "Arma Christi" en los cruceiros de la comarca de Carballiño", de Juan Ignacio García García. Historiador. CECHL.

17,20 h. Coloquio.

17, 30 h. Descanso

17,45 h. "Castro de Cameixa: pasado, presente e futuro", de Jorge Lamas Bértolo. Arqueólogo. CECHL.

18,10 h. Coloquio.

18,20 h. "Aplicacións das novas tecnoloxías na divulgación histórica e patrimonial no século XXI", de Carlos Paz e Anxo Miján. CIAG. Centro Infográfico Avanzado de Galicia.

19,10 h. Coloquio.

19,20 h. "Devolver o pasado a quen o habitou", recreación integral do castro de San Cibran de Las", de Paco Boluda. CIAG. Centro Infográfico Avanzado de Galicia.

Proxección do audiovisual “Lanóbriga. Unha cidade galaica”.

20,20 h. Coloquio.

20,30 h. Descanso

20,50 h. “A política local do Irixo entre 1920 e 1945”, de Eladio Munín. Historiador. Universidade de Vigo.

21,20 h. Coloquio.

 

DOMINGO, 9

Casa da Bexanca, Belvis-Cabanelas.

09,00 h. Cinco comunicacións de doctorandos da Facultade de  Educación e Traballo Social. Universidade de Vigo.

11,00 h. “Esencia patrimonial do termalismo moderno na Galiza. Unha pequena aportación do Patrimonio termal nos séculos XIX e XX nos balnearios galegos”, de Valentín Verea Argibay. Técnico de Turismo do Concello de Mondariz Balneario.

11,35 h. Coloquio.

10,45 h. “Afranio, un fuxido disfrazado por terras do Carballiño e Boborás: o deputado Antón Alonso Ríos”, de Xoán Docampo. Bibliotecario, documentalista e historiador. CECHL.

12,10 h. Coloquio.

12,20 h. Descanso.

12,30 h. “Miradoiros de Maside: balcóns con varandas de ferro grafiadas; enreixados", de Xosé Ricardo Rodríguez Pérez. Historiador. CECHL.

13,05 h. Coloquio.

13,15 h. "Patrimonio e desenvolvemento turístico", de Carlos Montes Marqués. Historiador. CECHL.

13,45 h. Coloquio.

14,00 h. Remate da xornada de mañá.

Xornada de tarde.

Adega Pazo Tizón, Moldes-Boborás.

16,00 h. “A platería litúrxica de San Xoán de Laxas (Boborás)”, de Ángel Domínguez. Universidade de Vigo.

16,30 h. Coloquio.

16,40 h. “Igrexia de Moldes: Análise de historia e simboloxía antiga”, de Anitza Calzadilla Martínez. Historiadora. CECHL.

17,10 h. Coloquio.

17,20 h. “Vendo comer en Galicia: parafraseando a García Márquez”, de Carla Di Simone.

18,00 h. Coloquio.

18,10 h. Proxección do documental “O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro”, de Xoel Méndez, promovido pola Ruta do Viño e o Consello Regulador da D.O.P. Ribeiro, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

19,00 h. Conferencia de clausura.

“Outros patrimonios, novas valorizacións”, de David Chao Castro. Doctor Profesor da Universidade de Santiago, integrado no Grupo de investigación: Proxectos e estudios sobre patrimonio cultural.

20,00 h. Coloquio.

20,30 h. Clausura do congreso e entrega de diplomas.

 

 

 

 

 

Info
5 Outubro 2022

SERVIZO DE BUS DO XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS

HORARIOS DO SERVIZO GRATUITO DE MICROBÚS DO XII CONGRESO CECHL

Empresa A MONTAÑESA

 

Sábado, 8

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 08,30 h. Lugar: Avda. Evaristo Vaamonde (fronte ao Templo da Veracruz)

 

Excursión cultural

Traslado de Cabanelas a Oseira:

Saída: 11,00 h.

Traslado de Oseira á Fábrica do Papel da Lavandeira:

Saída:12,50 h.

Traslado da Fábrica do Papel á Avda. Evaristo Vaamonde:

Saída: 13,50 h.

 

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 15,00 h. Lugar: Avda. Evaristo Vaamonde (fronte ao Templo da Veracruz)

Regreso de Cabanelas ao Carballiño:

Saída: 21,30 h.

 

Domingo, 9

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 08,30 h. Avda. Evaristo Vaamonde.

Regreso de Cabanelas ao Carballiño:

Saída: 14,00 h.

 

Traslado do Carballiño a Moldes (Adega Pazo Tizón)

Saída: 15,45 h. Avda. Evaristo Vaamonde.

Regreso de Moldes ao Carballiño:

Saída: 21,00 h.

 

 

Info
10 Maio 2022

Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas

O Centro de Estudios Chamoso Lamas elabora o próximo congreso, que se desenvolverá baixo o título de “XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS: VALORIZACIÓN E XESTIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL E MEDIOAMBIENTAL” a finais do mes do setembro e comezo de outubro na súa sede da Casa da Bexanca en Cabanelas.
O colectivo programa para o mes de xuño e xullo dúas rutas culturais guiadas: unha urbana polo casco histórico da vila e outra pola senda do río Arenteiro entre a Ponte Veiga e a Ponterriza.
Trala formación da nova xunta directiva, o Centro de Estudios Chamoso Lamas retoma a plena actividade programando unha serie de actividades e eventos que se desenvolverán durante este ano 2022.
Así, estase a elaborar o próximo congreso do centro de estudios, que se desenvolverá baixo a título de “XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS: VALORIZACIÓN E XESTIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL E MEDIOAMBIENTAL” a finais do mes de setembro e comezos de outubro na sede da Casa da Bexanca en Cabanelas. En concreto, as datas previstas para a celebración son o 30 de setembro e o 1 e 2 de outubro.
Nesta edición, que se aprazou o pasado ano por causa das restricións derivadas da pandemia do coronavirus, o centro de estudios quere poñer en valor o importante patrimonio cultural e medioambiental do Carballiño e a comarca, así como avaliar os modelos de xestión actuáis e propoñer novas alternativas encamiñadas tanto á súa conservación como á divulgación.
Está previsto ultimar o programa e presentalo a finais do mes de xuño, abríndose o prazo para a presentación de traballos e para as inscricións.
Do mesmo xeito que nos anteriores congresos, estase a tramitar a colaboración da Universidade de Vigo co obxectivo de que as persoas inscritas poidan obter os cretos académicos correspondentes.

Info
30 Xaneiro 2022

Presentación do libro "Tostado. El vino noble de Galicia".

O pasado día 17 de xaneiro deste ano 2022, en colaboración co Concello do Carballiño, o Centro de Estudios Chamoso Lamas presentou no Salón de Plenos da Casa do Concello o libro "Tostado. El vino noble de Galicia", obra da que é autor o profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Castro. Despois dunha pequena introdución e apuntes sobre a biografía do autor por parte de Xosé L. Sobrado, o autor do libro e hsitroriador comezou a súa intervención facendo unhas merecidas gabanzas a este exquisito viño, ó seu descoñecemento por parte do gran público e facendo un amplo repaso da súa historia, especialmente ó longo dos séculos de cando saía das adegas do Ribeiro e chegaba ás mesas máis refinadas das terras inglesas. Descubriunos aspectos descoñecidos e curiosidades sobre esta refinada bebida así como os métodos de elaboración da mesma e outros apuntes de carácter social e económico relacionados co tostado. O acto pechouse cun interesante debate entre o autor e o numeroso público asistente ó acto.

Info
30 Xaneiro 2022

Carlos Rodríguez, novo Presidente do C. E. Chamoso Lamas

Cando as condicións sanitarias así o permitiron, o Centro de Estudios Chamoso Lamas celebrou na súa sede de Velvís-Cabanelas a adiada Asamblea na que había que elixir a súa nova Xunta directiva, tal e como establecen os estatutos do colectivo. Con este obrigado retraso no tempo, Carlos Alberto Rodríguez Calvo, Vicepresidente nestes últimos anos da insititución, resultou elixido por unanimidade pra o cargo de Presidente da xunta que rexerá o colectivo neste próximo mandato.

Carlos Rodríguez, xornalista, escritor e socio fundador do C. E. Chamoso Lamas, ademais de activo membro, é persoa moi coñecida e recoñecida no Carballiño e a súa comarca. É autor de diversas publicacións e persoa moi ligada ó mundo da cultura e da comunicación. Dentro da súa traxectoria, dicir que é un gran coñecedor da nosa cultura e home moi implicado na organización de eventos que teñen relación coa súa creación e difusión.Convértese, deste xeito,no cuarto rexedor do colectivo despois de Rosa María Ricoy Casas, Francisco Fumega Piñeiro e Xosé L. Sobrado Pérez nos 28 anos de vida do C.E. Chamoso Lamas.

 

Info
3 Outubro 2021

De volta. Presentación da revista Argentarium 25 anos.

Despois desta longa e dura etapa xerada pola COVID 19, estamos de volta pra reiniciar as nosas actividades. Foron moitos meses nos que, na realidade, non paramos no noso labor a prol da nosa Cultura e traballando cos nosos proxectos como vimos facendo dende hai máis dun cuarto de século. Nós seguimos -cando as circunstancias así o permitían- organizando roteiros guiados,teimando na edición da nosa revista, colaborando na edición doutras publicacións e programando outras futuras, así como pensando no noso Congreso que volveremos organizar en canto sexa posible e, tamén, nalgunha outra visita guiada a diversos lugares da nosa xeografía que axiña realizaremos. Tampouco descoidamos a nosa xestión interna, na que subliñamos o acordo coa Deputación de Ourense que vainos permitir abordar novos e importantes proxectos cara ó futuro da Entidade. No medio, obras na nosa sede e outros avatares e ampliando a nosa biblioteca coa impagable axuda do noso mentor Felipe Senén López.

Presentación da nosa revista Agentarium.

O venres, día 8, ás  20,30 horas, no Salón de Plenos do Concello do Carballiño, faremos a presentación oficial do número especial dos nosos 25 anos. Cun certo retraso polas circunstancias indicadas e outras xurdidas no camiño, non foi posible facelo antes. O importante é que velaquí está e amosa, de novo, a capacidade dos integrantes do noso colectivo por sacar adiante traballos dun indiscutible valor científico e esforzo investigador que veñen pór en valor a nosa realidade e o noso rico pasado. Ó longo de 250 páxinas, este número presenta un importante abano de temáticas que teñen como resultando final un moi interesante aporte ó coñecemento destas terras.

Info
23 Maio 2021

Emilia Pardo Bazán

Nunha mañá primaveral con algo de chuvia e con moito entusiasmo despois de máis dun ano sen actividades deste tipo, a Praza Maior do Carballiño serviu de punto de encontro e saída deste roteiro organizado co patrocinio do Concello do Carballiño e destinado a percorrer lugares relacionados coa vida carballiñesa desta autora. Iniciouse coa benvida por parte do concelleiro de Cultura, Diego Fernández pra, deseguido, comezar coas explicacións por parte de Carlos Rodríguez diante da casa dos Quiroga, punto habitual de residencia nas estadías carballiñesas da autora de El cisne de Vilamorta. Despois de varias paradas, visita á igrexa románica de Mesego polo vello Camiño Real e explicacións a cargo do arqueólogo Jorge Lamas. Camiño de Banga, a chuvia fixo presenza e cun paso máis apurado entramos neste lugar onde, Xosé Fernández estudoso do tema, explicou a construción da Escola alí existente pagada polos emigrados na Arxentina así como o papel de Emilia Pardo Bazán na Educación e os seus vínculos con persoeiros destacados nos procesos que permitiron o avance da mesma nos primeiros anos do século pasado. Visita ó Pazo dos Quiroga en Banga e contemplación das vistas espectaculares do Ribeiro e, posteriormente, ó cruceiro, cemiterio e igrexa parroquial con explicacións, de novo, por parte de Jorge Lamas. Cunha melloría importante no tempo, baixada cara a Cima de Vila e parada obrigada diante doutras das propiedades da familia Quiroga: o pazo de Cima de Vila -hoxe propiedade da familia Otero- e a adega medieval. Baixada pola vella verea cara Quintela e remate final no Pazo de Suasventás onde xa cun sol brillante novamente, Carlos Rodríguez, fixo o epílogo sobre a traxectoria literaria da Pardo Bazán e a influencia destas terras na súa obra. Punto e final a unha andaina intensa e desexada. Visita á espectacular adega do pazo por xentileza dos seus moradores e viaxe de volta.

O comportamento dos asistentes no tocante ás normas COVID 19 foi en todo momento exemplar. Só desexar que esta experiencia fose do voso agrado e darvos as grazas pola vosa asistencia e atención.

Info
20 Maio 2021

Andaina guiada ata Cabanelas

Tomando como referencia a obra "El cisne de Vilamorta" de Emilia Pardo Bazán, o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a área de Cultura do Concello do Carballiño organizan pra este sábado, día 22 de maio, unha andaina guiada por membros do noso colectivo, deténdose naqueles lugares directamente relacionados coa dita obra literaria e con outros elementos de tipo patrimonial de carácter histórico e artístico onde faremos unhas pequenas reseñas pra unha mellor comprensión tanto do legado da autora como do noso pasado histórico.

Saída: 10 horas   (Procurade estar 10 minutos antes)

Percorrido: Líneal. O Carballiño-Cabanelas. 5,5 km aprox. Deterémonos no casco urbano, Mesego, Sagra, Banga, Cima de Vila e Cabanelas. A volta será libre, podendo regresar a pé ou, os que o queiran, deixar antes vehículo en Cabanelas ou buscar calquera outra fórmula de transporte.

Equipamento: roupa e calzado cómodos, chuvasqueiro e paraugas. Auga e algo de comida.

Grao de dificultade: baixo.

Duración estimada: 3 horas.

 

 

Info
18 Decembro 2020

Esta semana, premio especial do Nadal na Hemeroteca.

Por xentileza e grazas á colección particular do noso compañeiro Francisco Fumega, presentamos este número (nº 320) especial que a célebre revista ilustrada Vida Gallega dedicara no mes de outubro do ano 1926 ó Carballiño. Trátase, sen dúbida, dunha xoia que, pensamos, será do interese colectivo polo seu valor histórico e documental, así como pola variedade de temas -literarios, sociais, etc- e unha interesante reportaxe fotográfica centrada sobre aqueles difíciles anos da nosa máis recente historia.

 

Páxinas