Prensa

Prensa

Info
10 Xuño 2024

O CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS MANTÉN ABERTO O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE COMUNICACIÓNS PARA O SEU XIII CONGRESO, QUE TERÁ LUGAR O 4,5 E 6 DE OUTUBRO DE 2024 CO TÍTULO DE “HISTORIA, ARTE E ARQUITECTURA RELIXIOSA NAS COMARCAS DO CARBALLIÑO E RIBEIRO”

O importante patrimonio relixioso das comarcas do Carballiño e do Ribeiro será o eixo sobre o que se desenvolva o XIII Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas, que terá lugar o 4,5 e 5 de outubro deste ano. Trátase de poñer en valor a investigación e divulgación deste patrimonio, que nesta edición coincide co feito da conmemoración do 150 aniversario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios Ramilo, artífice do Templo da Veracruz do Carballiño, obra simbólica da arquitectura relixiosa contemporánea en Galicia e España.

O prazo para a presentación das propostas de comunicacións rematará o próximo 15 de xuño, debendo enviarse aos seguintes enderezos electrónicos: secretaria@centrodestudioschamosolamas.com ou contacto@centrodestudioschamosolamas.com.

Nas propostas de comunicacións que se remitan deberán figurar os seguintes requisitos: Título da comunicación; nome e apelidos do autor/a;  organización ou institución á que pertencen (se fose o caso); correo electrónico e teléfono de contacto do autor/a; breve resumo do traballo, incluido o obxectivo da investigación así como as fontes documentais e bibliográficas consultadas.

As comunicacións aceptadas pola Comisión Rectora do Congreso deberán ser presentadas no mesmo polo autor/a, e publicaranse nun libro que se editará no 2025.

O prazo de remisión das propostas rematará o 15 de xuño próximo, mentres que as comunicacións deberán remitirse antes do 15 de setembro deste ano.

Está previsto rematar o programa definitivo do congreso a finais do mes de xuño, co obxectivo de tramitar coa Universidade de Vigo os créditos correspondentes que serán otorgados aos asistentes e ponentes ao remate do congreso en outubro.

Como na pasada edición, a asistencia ao congreso será totalmente gratuita e as matrículas deberán tramitarse do 1 ao 15 de setembro a través da páxina web  ou do correo electrónico de contacto do centro de estudios.

 

Info
5 Decembro 2022

TORQUES DE HONRA 2022

O CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS CONCEDE O TORQUES DE HONRA 2022 AO ARQUIVO HISTÓRICO PROVINCIAL DE OURENSE

O GALARDÓN ENTREGARASE O 30 DE DECEMBRO AO DIRECTOR DO ORGANISMO NUN ACTO QUE SE CELEBRARÁ NO HOTEL ARENTEIRO DO CARBALLIÑO

 

O Carballiño, 5 de decembro de 2022.- O Centro de Estudios Chamoso Lamas concede o Torques de Honra 2022 ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Este galardón que otorga o colectivo cultural e investigador carballiñés con carácter bianual, e que se pospuxo o pasado ano por causa da pandemia da covid, seralle entregado ao director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, nun acto aberto que se celebrará na tarde do 30 de decembro no Hotel Arenteiro do Carballiño.

Con este galardón, que recoñece o labor daquelas persoas, entidades e publicacións na conservación, recuperación e divulgación do Patrimonio Histórico-Cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, segundo se recolle nas bases do premio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere distinguir o papel esencial desenvolvido polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense na catalogación, preservación e divulgación da documentación histórica provincial dende a súa creación no ano 1943 ata a actualidade, na que cómpre resaltar a recente culminación do proxecto de rehabilitación do antigo convento franciscano na que se asenta o arquivo e a incorporación da máis moderna tecnoloxía para a conservación e estudo da documentación existente, integrada por 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada.

Ao tempo deste recoñecemento, o Centro de Estudios Chamoso Lamas quere destacar e agradecer a contribución do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, así como do equipo directivo e funcionarial, á proxección da entidade como un servizo aberto á investigación e á divulgación da pegada histórica nas comarcas ourensás, en especial, do Carballiño e do Ribeiro, que son o principal ámbito de traballo do Centro de Estudios Chamoso Lamas, ofrecendo sempre a máis absoluta colaboración.        

TRAXECTORIA DO TORQUES DE HONRA

O Centro de Estudios Chamoso Lamas instituiu o galardón Torques de Honra no ano 2008, e dende entón concedeu un total de nove galardóns, sendo este último que se anuncia hoxe o décimo, tres de xeito extraordinario e sete con carácter ordinario e bianual:

  • Na primeira edición, en decembro do 2008, entregáronse os Torques de Honra a Manuel Vázquez Fernández, conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e exalcalde do Carballiño; Aurelio Miras Portugal, deputado autonómico e exdirector xeral de Turismo, e Felipe Senén López Gómez, arqueólogo, museólogo e técnico cultural da Deputación da Coruña.
  • En decembro do 2009 concedeuse o galardón a Olimpo Liste e a súa dona Josefina Fernández, fundadores do Museo Etnográfico Olimpo Liste de Oseira.
  • En decembro do 2011 entregouse o Torques de Honra ao Almanaque Agrícola.
  • En decembro do 2013 o galardón foille concedido a Fray Damián Yáñez Neira, bibliotecario do Mosteiro de Oseira.
  • En decembro do 2015 concedeuse o Torques de Honra ao Museo Etnolóxico de Ribadavia, que recolleu o seu creador e director Juan Carlos Sierra. 
  • En decembro do 2017 entregouse o oitavo Torques de Honra ao arquitecto nado no Carballiño Manuel Gallego Jorreto.
  • En decembro do 2019 concedeuse o noveno Torques de Honra aos Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense, que recolleu o seu director, Miguel Ángel González García.

 

Info
5 Outubro 2022

SERVIZO DE BUS DO XII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS

HORARIOS DO SERVIZO GRATUITO DE MICROBÚS DO XII CONGRESO CECHL

Empresa A MONTAÑESA

 

Sábado, 8

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 08,30 h. Lugar: Avda. Evaristo Vaamonde (fronte ao Templo da Veracruz)

 

Excursión cultural

Traslado de Cabanelas a Oseira:

Saída: 11,00 h.

Traslado de Oseira á Fábrica do Papel da Lavandeira:

Saída:12,50 h.

Traslado da Fábrica do Papel á Avda. Evaristo Vaamonde:

Saída: 13,50 h.

 

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 15,00 h. Lugar: Avda. Evaristo Vaamonde (fronte ao Templo da Veracruz)

Regreso de Cabanelas ao Carballiño:

Saída: 21,30 h.

 

Domingo, 9

Traslado do Carballiño a Cabanelas:

Saída: 08,30 h. Avda. Evaristo Vaamonde.

Regreso de Cabanelas ao Carballiño:

Saída: 14,00 h.

 

Traslado do Carballiño a Moldes (Adega Pazo Tizón)

Saída: 15,45 h. Avda. Evaristo Vaamonde.

Regreso de Moldes ao Carballiño:

Saída: 21,00 h.

 

 

Info
30 Xaneiro 2022

Presentación do libro "Tostado. El vino noble de Galicia".

O pasado día 17 de xaneiro deste ano 2022, en colaboración co Concello do Carballiño, o Centro de Estudios Chamoso Lamas presentou no Salón de Plenos da Casa do Concello o libro "Tostado. El vino noble de Galicia", obra da que é autor o profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xavier Castro. Despois dunha pequena introdución e apuntes sobre a biografía do autor por parte de Xosé L. Sobrado, o autor do libro e hsitroriador comezou a súa intervención facendo unhas merecidas gabanzas a este exquisito viño, ó seu descoñecemento por parte do gran público e facendo un amplo repaso da súa historia, especialmente ó longo dos séculos de cando saía das adegas do Ribeiro e chegaba ás mesas máis refinadas das terras inglesas. Descubriunos aspectos descoñecidos e curiosidades sobre esta refinada bebida así como os métodos de elaboración da mesma e outros apuntes de carácter social e económico relacionados co tostado. O acto pechouse cun interesante debate entre o autor e o numeroso público asistente ó acto.

Info
30 Xaneiro 2022

Carlos Rodríguez, novo Presidente do C. E. Chamoso Lamas

Cando as condicións sanitarias así o permitiron, o Centro de Estudios Chamoso Lamas celebrou na súa sede de Velvís-Cabanelas a adiada Asamblea na que había que elixir a súa nova Xunta directiva, tal e como establecen os estatutos do colectivo. Con este obrigado retraso no tempo, Carlos Alberto Rodríguez Calvo, Vicepresidente nestes últimos anos da insititución, resultou elixido por unanimidade pra o cargo de Presidente da xunta que rexerá o colectivo neste próximo mandato.

Carlos Rodríguez, xornalista, escritor e socio fundador do C. E. Chamoso Lamas, ademais de activo membro, é persoa moi coñecida e recoñecida no Carballiño e a súa comarca. É autor de diversas publicacións e persoa moi ligada ó mundo da cultura e da comunicación. Dentro da súa traxectoria, dicir que é un gran coñecedor da nosa cultura e home moi implicado na organización de eventos que teñen relación coa súa creación e difusión.Convértese, deste xeito,no cuarto rexedor do colectivo despois de Rosa María Ricoy Casas, Francisco Fumega Piñeiro e Xosé L. Sobrado Pérez nos 28 anos de vida do C.E. Chamoso Lamas.

 

Info
17 Maio 2019

XXV Aniversario do Centro de Estudios Chamoso Lamas

Hoxe, 17 de maio, estamos de aniversario. Xa van 25 anos dende a nosa fundación como colectivo, anos nos que, entendemos, levamos aportado un importante labor de investigación, difusión e compromiso coa nosa cultura, todo elo reflectido nas nosas publicacións, exposicións, congresos, andainas e outro tipo de eventos feitos por un colectivo de xentes de aquí e para aquí. Quedan atrás, pois, dende aquela primeira xuntanza formal realizada na vella  "Casa Gazpara", moito esforzo colectivo, algún que outro erro pero moitos acertos do grupo e individuais recoñecidos con importantes premios que veñen a avalar o noso traballo ó longo deste cuarto de centuria: Premios Ínsua dos Poetas e Pedra do destin e, a título individual, o Premio Nacional de Meteoroloxía a Miguel García, Premio Antón Losada a Xosé Fernández e o Premio AECPA ó mellor proxecto á Innovación Docente concedido a Rosa Mª Ricoy. Atrás tamén quedan algúns compañeiros de viaxe como os inesquecibles frei Damián Yáñez, Socio de Honra, e o doutor Luis Rodríguez Míguez, membro deste grupo dende o seu inicio e que tanto saber, cariño e amizade deixaron no noso recordo.

Pero son os traballos colectivos onde as achegas realizadas destacan pola variedade e, sobre todo, polo interese que espertan: as 11 edicións do noso Congreso, as Bienais de Arte, conferencias e xornadas xunto coas exposicións e andainas guiadas, teñen achegado á sociedade comarcal aspectos novidosos e impensables nesta vila. A nosa Revista Argentarium con 14 números (revista e anexos) é o maior e mellor expoñente da nosa andaina ó longo destes anos, recollendo nas súas páxinas os traballos de investigación de moitas persoas que, día a día, dedican o seu esforzo e tempo en facer máis grande esta Terra.

O noso agradecemento á sociedade comarcal, ós nosos veciños de Cabanelas e a aquelas persoas, empresas e entidades que levan moitos anos colabroando activamente connosco para levar adiante os nosos proxectos, pero dun xeito especial o noso recoñecemento a Felipe Senén López e a Aurelio Miras a quen debemos eterna gratitude.

 

Info
6 Maio 2019

Presentación do libro "Cemiterios esquecidos: o fenómeno tumular na comarca do Carballiño".

Como xa adiantamos, o Centro de Estiudios Chamoso Lamas celebra este ano 2019 o seu 25 aniversario. Con tal motivo está a deseñar un programa de actividades que ainda non ten datas concretas, pero que podería levarse a cabo entre o 15 de agosto e o 15 de setembro.

En todo caso, o 17 de maio próximo, Día das Letras Galegas, e data na que se cumple este vixésimoquinto aniversario, terá lugar a presentación do libro do arqueólogo e coordinador da sección de Arqueoloxía da entidade, Jorge Lamas Bértolo, titulado “Cemiterios esquecidos: O fenómeno tumular na comarca do Arenteiro", nun acto público ó que está convidada toda a sociedade da comarca e que desenvolverase no Aalón de Actos do Casino do Carballiño, na rúa Tomás Mª Mosquera ás 19,30 h.

Info
6 Maio 2019

O C. E. Chamoso Lamas cumpre un cuarto de século (1994-2019)

Co gallo de tan importante acontecemento, o noso colectivo iniciará as numerosas actividades previstas o día 17 de maio, cadrando cos 25 anos da presentación pública levada a cabo no ano 1994 na Casa Gazpara, festexando unha data tan simbólica coa presentación do libro Cemiterios Esquecidos, de Jorge Lamas, arqueólogo e responsable da sección de arqueoloxía. Será esta, pois, a primeira actividade dunha serie de iniciativas que incluirán a edición dun número especial da Revista Argentarium, unha exposición retrospectiva sobre a traxectoria da entidade, unha ruta urbana guiada polo centro histórico da vila e unha andaina pola senda do Arenteiro ata a sede do Centro de Estudios en Cabanelas, entre outras propostas que se están valorando e que se darán a coñecer máis adiante. Tamén con tal motivo, creouse un logo conmemorativo do evento, obra do noso compañeiro Diego Reboredo Prado.

Así mesmo, tamén en breves datas presentaránse o libro Encontros do saber (Actas do IX Congreso) e un libro homenaxe ó membro do C.E. Chamoso Lamas e Medalla de Ouro do Carballiño. o desaparecido doutor Luis Rodríguez Míguez.

Info
24 Novembro 2018

Entrega do premio "Pedra do destino"

No salón de actos de Portas Ártabras, sede da Asociación Galega de Amigos dos Museos, tivo lugar onte, día 23 de novembro, o acto de entrega da "Pedra do destino" co que esta asociación galardoou ó Centro de Estudios Chamoso Lamas nesta edición do ano 2018. No acto e en nome do xurado, o carballiñés Felipe Senén López, falou da traxectoria do noso colectivo e fixo mención especial do papel xogado na recuperación e difusión do noso Patrimonio comarcal. Tamén lembrou a elaboración de roteiros culturais, realización de congresos, exposicións e publicacións levados adiante polo nosa entidade, repasando outros feitos e, como non, tendo uns momentos de recordo para o seu Carballiño. O premio entregado consiste nun aporte económico de 1.500 €, ademais da entrega dun orixinal do ano 1677 da obra "Fundación, antigüedad y progresos del Imperial Monasterio de Nuestra Señora de Ossera, de la orden del Cisster", da que é autor frei Tomás de Peralta e, finalmente, dun aparello de cordaneiro do século XIX orixinario dun destes artesáns asentados no Carballiño.

Posteriormente, tomou a palabra do Presidente do C.E. Chamoso Lamas para agradecer a concesión deste premio e felicitar ós membros do colectivo polo traballo levado adiante durante 25 anos e do que agora recollemos os froitos e o recoñecemento social; facendo, ademais, un percorrido polas numerosas actividades levadas adiante ó longo destes anos e os proxectos desenvolvidos na actualidade. Para rematar o acto, o alcalde do Carballiño e membro fundador Francisco Fumega, agradeceu á Asociación de Amigos dos Museos a concesión deste galardón e a satisfación como alcalde polo traballo desenvolvido polo noso colectivo nos seus anos de existencia.

Info
27 Setembro 2018

Autobuses para asistentes ó Congreso

É importante o uso do servizo de autobús debido á falla de espazo de aparcadoiro en Cabanelas.

Día 28   

IGREXA DA VERACRUZ

9 horas  /  15,40 horas 

SAÍDAS DE CABANELAS

13,45 horas  /  21,00 horas

Día 29   

IGREXA DA VERACRUZ

8,30 horas (Viaxe a Melgaço)

Día 30 

IGREXA DA VERACRUZ

8,40 horas  /  15,40 horas

SAÍDAS DE CABANELAS

14,00 horas  /  20,00 horas

Páxinas

Subscribirse a Prensa