Novas

Novas

Filtro
Info
29 Novembro 2017

O Galardón Torques de Honra, para o arquitecto carballiñés Manuel Gallego Jorreto

O Centro de Estudios Chamoso Lamas acordou conceder ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto o “Torques de Honra 2017”. Trátase dun galardón que realiza con carácter bianual este colectivo para distinguir o traballo de persoas e entidades a prol da conservación, recuperación e divulgación do patrimonio histórico-cultural.  Nesta quinta edición do premio, os integrantes do Centro de Estudios Chamoso Lamas tomaron en consideración o importante labor desenvolvido por Manuel Gallego Jorreto no proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de papel da Lavandeira, así como do que realiza na actualidade para ampliar as instalacións termais do Gran Balneario do Carballiño e a súa ampla traxectoria nesta actividade recuperadora do noso Patrimonio.

O galardón será entregado nun acto que se desenvolverá no Carballiño o próximo mes de decembro, e que se anunciará previamente.

Manuel Galllego Jorreto, nado no Carballiño en 1936, ten recibido numerosos premios, entre eles, o Premio Nacional de Arquitectura (1997), Medalla de Ouro da Arquitectura (2010) e Medalla de Ouro de Galicia (2016). Colaborou co Centro de Estudios Chamoso Lamas, sendo ponente no I Congreso “O Home e o Medio”, e varios historiadores desta entidade conlaboraron co él na aportación da documentación histórica da antiga fábrica de papel da Lavandeira. Na actualidade ultima o proxecto de ampliación das instalación termais do Gran Balneario.

Info
18 Novembro 2017

Presentación do libro Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda.

O vindeiro día 1 de decembro, venres, ás 20 horas terá lugar a presentación no Carballiño do libro Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda. O acto no que colabora o Centro de Estudios Chamoso Lamas en colaboración coa AA CC Mestre Manuel García e maila editorial Alvarellos, terá lugar na Casa da Cultura.

A obra é un amplo repertorio de textos literarios, algúns deles inéditos e outros de autores consagrados do mundo literario galego, que fan alusión a este mítico monte que se ergue maxestoso sobre o curso do Ulla e vixiante da veciña Compostela.

Coma sempre, a entrada é libre.

 

Info
6 Novembro 2017

Á venda o libro Cemiterios esquecidos do compañeiro Jorge Lamas

Dende hai uns días xa se atopa á venda o libro Cemiterios esquecidos, obra do noso compañeiro e responsable de sección de Arqueoloxía do Centro de estudios Chamoso Lamas, Jorge Lamas, que foi editado pola Deputación de Ourense. Ó longo de 365 páxinas, o autor fai unha minuciosa andaina pola cultura tumularia da comarca do Arenteiro, dando a coñecer aspectos ata agora agochados sobre estes elementos do noso legado patrimonial -inéditos na súa meirande parte- que se amosan perfectamente definidos nunhas detalladas fichas de cada un deles e nun rigoroso estudo global final que dá a ver e comprender as chaves deste interesante mundo que arrinca dende o Neolítico e que terá un importante desenvolvemento nesta área do NO da actual provincia de Ourense. Con esta obra o megalitismo da área estudada queda definitivamente encadrado nos traballos de investigación realizados en Galicia sobre esta temática e que, ata agora, estaban no anonimato. Parabéns ó noso compañeiro e ó mundo da investigación arqueolóxica.

Descargar arquivo
Info
27 Xullo 2017

Andaina ós Petroglifos de Cangues

Seguindo cos roteiros guiados levados adiante neste ano no que andamos, o Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza en colaboración co concello do Carballiño e dentro da programación cultural da Festa do Pulpo, unha andaina nocturna ós petroglifos de Cangues, en Madarnás. Estará guiada polos compañeiros Jorge Lamas, Adolfo Otero e Juanjo Álvarez e partirá do local social de Madarnás ás 22,00 h., estando previsto o encontro para as 21,30 h., deste venres 28 de xullo no campo da festa (detrás da igrexa parroquial). Neste roteiro poderanse ver coa luz da lúa e a artificial perspectivas imposibles de divisar coa do día. Tamén tratarase de valorar os sons e a escuridade da noite .

Para participar non é preciso realizar ningunha inscrición previa, pero recoméndase acudir con lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo e, os que poidan, algún material reflectante (Chaleco, manguitos, etc.). O percorrido de ida e volta é duns 6 kilómetros, aproximadamente.

Info
20 Xuño 2017

Rosa Ricoy, Premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política

A nosa compañeira do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Rosa Mª Ricoy Casas, vén de ser galardoada co Premio á innovación docente da Asociación Española de Ciencia Política como recoñecemento ó seu traballo nun proxecto educativo no que mestura o ameno co científico como xeito de atraer o interés do alumnado e mergullalo no proceso formativo dun xeito distinto pero sen perder o carácter reflexivo e educacional do sistema docente universitario. Rosa Ricoy foi durante catro anos Presidenta do C.E. Chamoso Lamas e, actualmente, ocupa o posto de profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo. Os nosos parabéns.

Info
30 Maio 2017

O sábado, día 3 de xuño, roteiro Pardo Bazán

Despois de ser adiado este roteiro pola posibilidade de fortes treboadas para a tarde do sábado, 27 de maio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas convoca a aquelas persoas que estean interesadas nesta andaina guiada para as 16,30 horas, do día 3 de xuño, para comezar un percorrido que, dende diante da Escola de Banga, levaranos ata Cabanelas. O itinerario é sinxelo, fermoso e curto polo que resulta axeitado para calquera tipo de camiñante. Remataremos na Sede do C. E. Chamoso Lamas coa proxección dun curto sobre a escritora e coa participación dos asistentes que estean interesados nun debate.

Día: Sábado, de de xuño

Hora: 16,30 horas

Punto de Encontro: Escola de Banga

Duración estimada: 3,30 horas

Info
13 Maio 2017

Andaina Ruta Emilia Pardo Bazán

O Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración co concello do Carballiño, programa para o sábado 27 de maio, un roteiro sobre Emilia Pardo Bazán. Desenvolverase pola tarde, a partir das 16,30 h., cunha duración aproximada de tres horas e media, por Banga e Cabanelas.

O programa inclúe unha visita guiada ao pazo dos Quiroga en Banga e á igrexa de Santa Baia, para continuar despois a andaina por Cima de Vila ata Cabanelas. Alí visitaranse diversos lugares de interese, como a “Casa das caras” e despois o pazo dos Quiroga, para rematar na sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, na Casa da Bexanca, onde se proxectará un documental sobre Emilia Pardo Bazán, e levarase a cabo unha tertulia con persoas expertas na súa obra, sobre todo no tocante á súa relación con Banga, Cabanelas e O Carballiño, que a escritora deixou reflexado na novela El Cisne de Vilamorta (1885), entre outras, como La madre naturaleza.  

O punto de encontro será ás 16,30 h., o sábado, 27 de maio, fronte á escola, por ser a zona con espacio de aparcamento. E o itinerario é o seguinte: Pazo dos Quiroga de Banga, igrexa de Santa de Santa Baia, Cima de Vila, Cabanelas, Pazo dos Quiroga e Casa da  Bexanca. O recorrido é duns 3,5 km., aproximadamente, de ida, e outros tantos de volta.

Non será necesario inscribirse previamente para poder participar no roteiro.

Esta é a segunda andaina que programan este ano conxuntamente o Centro de Estudios Chamoso Lamas e a concellería de Cultura do concello do Carballiño, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico e cultural do municipio e da comarca. A primeira andaina desenvooveuse á torre medieval de Godás na pasada Semana Santa,  e unha terceira andaina terá lugar no mes de xullo aos petroglifos de Cangues, na Esgueva.

Info
13 Abril 2017

Programa de andainas 2017 co Concello de Boborás

O Centro de Estudios Chamoso Lamas e mailo Concello de Boborás teñen previsto a realización das seguintes andainas guiadas polas distintas parroquias deste concello ó longo deste ano 2017:  (Máis información en www.boboras.org

DIA MES PARROQUIA
16 ABRIL MOLDES
30 ABRIL XURENZÁS
14 MAIO CARDELLE
28 MAIO BRUÉS
11 XUÑO XENDIVE
2 XULLO ALBARELLOS
9 XULLO FEÁS
23 XULLO XUVENCOS
6 AGOSTO PAZOS DE ARENTEIRO
27 AGOSTO O REGUEIRO
3 SETEMBRO CAMEIXA
17 SETEMBRO LAXAS
1 OUTUBRO MOREIRAS
15 OUTUBRO ASTURESES
5 NOVEMBRO BRUÉS

 

Info
10 Abril 2017

Andaina para o domingo 16 de abril

En colaboración co Concello de Boborás, o C.E. Chamoso Lamas levará a cabo un roteiro guiado pola parroquia de Moldes que inclúe unha visita á igrexa románica e castro de Moldes, ó muíño catalogado  no seu día como Monumento Nacional, a adega histórica de Paradela que fora construída polo mosteiro de Sobrado, casa reitoral e Pazo dos Tizón (hoxe dos Losada), Pendellos da vella feira do Castro e Carballeira. Trátase dun percorrido doado e cuns grandes atractivos.

Info
10 Abril 2017

Andaina 9 de abril 2017

Dentro da programación cultural do Concello do Carballiño e coa colaboración do C.E. Chamoso Lamas, levamos adiante a primeira das andainas previstas. Moita xente para un Domingo de Ramos con bo tempo e mañá que animaba a camiñar. O percorrido polas beiras do río Arenteiro serviu para coñecer un chisquiño máis o noso territorio, a súa paisaxe, a súa historia e a súa arte. Conversas animadas dos camiñantes e explicacións que serviron para ir pasando unha boa xornada e que terá a súa continuación con outras dúas andainas máis programadas polo Concello do Carballiño. Ver Galería.

Páxinas