Novas

Novas

Filtro
Info
12 Decembro 2019

O Torques de Honra 2019 para os Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense

O C. E. Chamoso Lamas acurdou conceder o seu galardón Torques de Honra na edición deste ano 2019 ós Arquivos Catedralicio e Diocesano de Ourense pola súa contribución á preservación e difusión do patrimonio documental da diócese ourensana, labor que se vén realizando sistematicamente nas últimas décadas dun xeito contínuo malia á escaseza de recursos. Neste aspecto, subliñar o papel xogado polos distintos directores na catalogación e no constante labor de captación de fondos que teñen servido para o estudo e elaboración de numerosos traballos realizados ó longo dos longos anos de vida destas institucións.

O Centro de Estudios Chamoso Lamas quere recoñecer e agradecer a colaboración prestada polo persoal destes dous arquivos cos investigadores que acuden a diario ás súas instalacións, facendo unha mención especial na figura de D. Miguel Ángel González García, director dos mesmos e gran valedor de iniciativas como é a publicación Diversarum Rerum e a súa implicación persoal en numerosas actividades culturais de fomento da investigación (congresos, conferencias, publicacións, etc.).

O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de decembro, ás 20,30 horas, no Restaurante A Fuchela do Carballiño. 

Info
21 Novembro 2019

Presentación do libro Encontros do Saber editado polo Centro de Estudios

O venres, día 22 de novembro, ás 8,30 da tarde, teremos a presentación do libro que leva por título Encontros do Saber, unha obra que, ó longo de 450 páxinas elaboradas por especialistas, fai nuha análise pormenorizada de diversos temas que teñen que ver coa educación, a antropoloxía, a ciencia, a historia, a arqueoloxía e outras disciplinas do saber que veñen encher un baleiro, nuns casos, sobre as temáticas abordadas e, noutros, complementar ou aportar novidades sobre as materias citadas.

O acto celebrarase no Aparthotel Arenteiro, sendo de libre asistencia para calquera persoa interesada na materia. 

Info
20 Setembro 2019

Suspendida a andaina do día 21

Por previsión de fortes choivas para o sábado, día 21, queda SUSPENDIDA a andaina programada para ese día, polo que farémola o próximo día 28, mantendo tanto o itinerario como o horario marcado. Calquera dúbida ou suxestión será ben recibida.

Info
12 Setembro 2019

Andaina Ponte Veiga-Cabanelas para o día 21 de setembro

Un roteiro guiado con saída dende a Ponte de Veiga ata á sede do Centro de Estudios Chamoso Lamas, en Cabanelas, porá o colofón aos actos programados por esta entidade para conmemorar o 25 aniversario da súa creación.

Trátase dun percorrido duns 10 km por algúns dos lugares de maior interese histórico e paisaxístico do municipio carballiñés e de Boborás, e que inclúe unha parada en Moldes a mediodía para xantar, así como a proxección ao remate dun video sobre os 25 anos de traxectoria do centro de estudios, que se fará na sede da entidade en Cabanelas. Algúns destes lugares son: Ponte de Veiga, Gran Balneario, Museo Etnográfico, Torre de Godás, Ponterriza, Moldes, Castro Cavadoso, Cima de Vila e Cabanelas, seguindo o curso do río Arenteiro e polas inmediacións. A andaina estará guiada polos arqueólogos, historiadores e biólogos do centro de estudios, que irán dando explicacións de cada un dos monumentos e lugares de maiori nterese. A saída da ruta está prevista para as 9.30 h., e o regreso ás 18,00 h.

Para poder participar nesta andaina, que ten as prazas limitadas a 50 en total, hai que inscribirse previamente na dirección de correo electrónico do centro de estudios contacto@centrodeestudioschamoslamas.com  ou chamando aos teléfonos 629 879 491 (Xosé Luis) ou 610 782 630 (Miguel).

O prezo da inscrición é de 5 euros, e inclúe o xantar en Moldes e o regreso desde Cabanelas en vehículo. O prazo de inscrición remata o xoves 19 de setembro.

Dificultade: media

Roupa e calzado axeitado.

Info
9 Setembro 2019

Mesa redonda: 25 anos na vida do Carballiño (1994-2019)

Con boa asistencia de púlico a este acto programado co gallo dos 25 anos do Centro de Estudios, celebrouse o sábado, día 7 de setembro, na Casa da Cultura do Carballiño unha interesante mesa redonda conformada por Manuel Amil, Xan MIras Portugal, Francisco Fumega e José Antonio Barge na que, previa exposición inicial de cada un dos ponentes centrada na actividade política, social, cultural, demográfica e educativa moderada polo noso compañeiro e xornalista Carlos Rodríguez, serviu para lembrar momentos importantes deste cuarto de século dende a perspectiva de tan significativos persoeiros coñecedores da vida do Carballiño e a súa comarca. O resultado foi un interesante debate, facendo un interesante exercicio de reflexión e lembranza sobre a memoria colectiva destes 25 anos. 

Dende o Centro de Estudios Chamoso Lamas, o noso agradecemento ós asistentes e, de xeito especial, ós nosos convidados.

Fotogalería

Info
27 Xullo 2019

De vagar: un paseo polas rúas do centro do Carballiño.

O domingo, día 28 de xullo, ás 11 horas saíremos diante do Asilo do Carballiño para facer un percorrido por algunhas das rúas do Carballiño. Esta ruta é un dos actos programados para conmemorar o noso 25 Aniversario e ten unha duración aproximada de 2 horas nas que trataremos de coñecer mellor a trama urbana desenvolvida ó longo dos séculos XVIII e XIX e que conformaron a actual configuración da nosa vila, deténdonos nalgúns dos edificios máis sobranceiros e lembrando os vellos nomes das rúas e prazas, así como algúns dos ilustres habitantes que ocuparon no seu día esas vivendas.A asistencia é libre e de balde.

Info
7 Xuño 2018

O Premio "Pedra do destino", para o Centro de Estudios Chamoso Lamas

O galardón que os Amigos dos Museos de Galicia entrega anualmente ós colectivos que impulsan a conservación do patrimonio cultural galego, recaeu neste ano 2018 no Centro de Estudios Chamoso Lamas. Con esta distinción, a entidade convocante quere recoñecer "a súa constancia no estudo, divulgación e potenciación dos recursos culturais e patrimoniais das Terras do Carballiño, como os muiños e fábricas de papel das ribeiras do Arenteiro, a recuperación e posta en valor dos vellos camiños de feirantes, arrieiros e carboeiros, as vinculacións con Oseira, Beade, os gremios de pulpeiras, panadeiras…etc.". 

O Premio que neste ano está dotado en 1.500 euros para aplicar a un proxecto do colectivo, ademais de material de interese histórico e cultural en relación coa zona, cos que se pretende  enriquecer os fins museísticos deste colectivo. O galardón entregarase no Carballiño polos Magostos.

O fallo do premio deuse a coñecer o Día dos Museos, nun acto que a asociación celebrou na súa sede de Portas Ártabras na cidade da Coruña. 

En nome do C.E. Chamoso Lamas, o noso infinito agradecemento e a nosa satisfacción por este recoñecemento a nivel galego que fai a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, vendo como colectivo que os nosos esforzos despois de case 25 anos teñen eco e dannos folgos para seguir coa traxectoria de traballo e ilusión coa que iniciamos a nosa andaina. Moitas grazas.

Info
18 Xaneiro 2018

Presentación do catálogo e clausura da exposición "22 anos ollando estas terras"

O sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Manuel María do Carballiño, a presentación do catálogo da Exposición "20 anos ollando estas terras", publicación que recolle a totalidade das obras presentadas na edición anterior. Ó longo de case 100 páxinas, a publicación editada en cor e coas características de edición que require unha obra deste tipo, recolle de xeito individualizado cada unha das obras que no seu día estiveron expostas ó público durante máis dun mes. Ademais deste repertorio fotográfico elaborado polo membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Juanjo Álvarez, o catálogo conta cun limiar a cargo do Presidente do colectivo e cuns valiosos textos críticos aportados polos dous comisarios da exposición, Juan Manuel Rodríguez e Óscar Gónfer.

Rematado ese acto realizarase a clausura desta exitosa segunda edición pola que pasaron centos de veciños que puideron contemplar a valía e a potencidalide dos nosos artistas que, coas súas obras, deron a coñecer o enorme talento que atesouran.

Info
1 Xaneiro 2018

Torques de Honra 2017

Podedes ler o discurso lido polo noso compañeiro Óscar Gonfer co gallo da entrega do Torques de Honra 2017 a Manuel Gallego Jorreto no arquivo adxunto.
 

Descargar arquivo
Info
30 Maio 2017

O sábado, día 3 de xuño, roteiro Pardo Bazán

Despois de ser adiado este roteiro pola posibilidade de fortes treboadas para a tarde do sábado, 27 de maio, o Centro de Estudios Chamoso Lamas convoca a aquelas persoas que estean interesadas nesta andaina guiada para as 16,30 horas, do día 3 de xuño, para comezar un percorrido que, dende diante da Escola de Banga, levaranos ata Cabanelas. O itinerario é sinxelo, fermoso e curto polo que resulta axeitado para calquera tipo de camiñante. Remataremos na Sede do C. E. Chamoso Lamas coa proxección dun curto sobre a escritora e coa participación dos asistentes que estean interesados nun debate.

Día: Sábado, de de xuño

Hora: 16,30 horas

Punto de Encontro: Escola de Banga

Duración estimada: 3,30 horas

Páxinas