Novas

Novas

Filtro
Info
6 Setembro 2018

XI Congreso

Como cada dous anos, o Centro de Estudios Chamoso Lamas, en colaboración coa Universidade de Vigo e o apoio do Concello do Carballiño, organiza na súa sede de Cabanelas este Congreso que serve de encontro de investigadores chegados dende diversos puntos da xeografía peninsular e que aportan a esta Comarca visións globais e locais relacionadas cos seus traballos e temáticas de investigación. Este ano, o congreso enfoca as súas miras nas relacións culturais e humanas entre o Norte de Portugal e Galicia, presentando para tal efecto un programa cheo de actividades e de visións multidisciplinarias que axuden a entender e enriquicer estes procesos de relación, contando con especialistas nesa materia que aportarán o seu saber e experienzas e, tamén como xa vén sendo norma deste Congreso, coas visións máis próximas relacionadas coas comarcas do Carballiño e O Ribeiro, por medio de  diversas  achegas nas distintas disciplinas que dan vida a este recuncho xeográfico pero sempre cunha visión global.

No apartado Congreso desta páxina, está disposto o Programa do Congreso así como o Formulario de matrícula para esta edición.

Info
1 Setembro 2018

PROGRAMA PROVISIONAL DO XI CONGRESO

Descargar arquivo
Info
20 Agosto 2018

XI Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas

Os días 28, 29 e 30 de setembro, o C. E. Chamoso Lamas vai celebrar o seu XI Congreso co suxestivo título de "Mesturas ás beiras do Miño. O fluxo cultural entre Galicia e Portugal". Unha vez máis, o lugar elixido para a súa execución vai ser a nosa sede da Casa da Vexanca, en Belvís-Cabanelas e, como novidade, a segunda xornada celebrarase en terras portuguesas. En días vindeiros teredes información completa do Programa de actividades e doutros pormenores, tales como prazo de matrícula, prezos, etc.

Se estades interesados en presentar algunha comunicación ó Congreso podedes facelo durante a semana do 20 ó 26 de agosto por medio do mail de contacto do C. E. Chamoso Lamas ou ós teléfonos 629879491 e 610782630.

Info
7 Xuño 2018

O Premio "Pedra do destino", para o Centro de Estudios Chamoso Lamas

O galardón que os Amigos dos Museos de Galicia entrega anualmente ós colectivos que impulsan a conservación do patrimonio cultural galego, recaeu neste ano 2018 no Centro de Estudios Chamoso Lamas. Con esta distinción, a entidade convocante quere recoñecer "a súa constancia no estudo, divulgación e potenciación dos recursos culturais e patrimoniais das Terras do Carballiño, como os muiños e fábricas de papel das ribeiras do Arenteiro, a recuperación e posta en valor dos vellos camiños de feirantes, arrieiros e carboeiros, as vinculacións con Oseira, Beade, os gremios de pulpeiras, panadeiras…etc.". 

O Premio que neste ano está dotado en 1.500 euros para aplicar a un proxecto do colectivo, ademais de material de interese histórico e cultural en relación coa zona, cos que se pretende  enriquecer os fins museísticos deste colectivo. O galardón entregarase no Carballiño polos Magostos.

O fallo do premio deuse a coñecer o Día dos Museos, nun acto que a asociación celebrou na súa sede de Portas Ártabras na cidade da Coruña. 

En nome do C.E. Chamoso Lamas, o noso infinito agradecemento e a nosa satisfacción por este recoñecemento a nivel galego que fai a Asociación de Amigos dos Museos de Galicia, vendo como colectivo que os nosos esforzos despois de case 25 anos teñen eco e dannos folgos para seguir coa traxectoria de traballo e ilusión coa que iniciamos a nosa andaina. Moitas grazas.

Info
23 Marzo 2018

Miguel A. García recolle o seu galardón en Madrid.

Hoxe, día 23 de marzo, cadrando co Día Mundial do Medio Ambiente, o noso compañeiro Miguel A. García Pérez, responsable da estación meteorolóxica do IES Chamoso Lamas e da sección de Climatoloxía do Centro de Estudios, recolleu na sede central da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) en Madrid o galardón co que foi recoñecido o seu traballo ó longo de máis de 34 anos á fronte da citada estación.

O acto contou coa presenza da Secretaria de Estado de Medio Ambiente, María García Rodríguez e do Presidente da Axencia Estatal de Meteoroloxía, Miguel Ángel López, recoñecendo os dous o labor "desinteresada y comprometida" do noso compañeiro. A secretaria de Estado agradeceu o seu traballo "y el de muchos otros, que destaca por su calidad y precisión, ha sido y es esencial para completar la observación de las instalaciones operadas por personal propio".

O remate do acto serviu, tamén, para presentar un diccionario ilustrado de meteoroloxía, climatoloxía e ciencias afíns con case 700 termos e máis de 1.200 imaxes, que pódese consultar en https://meteoglosario.aemet.es/.

Descargar arquivo
Info
24 Febreiro 2018

Presentación do Panel Climático do Carballiño

O Salón de Plenos do Concello do Carballiño serviu de escenario para a presentación do Panel Climático do Carballiño, un traballo de 34 anos de investigación diaria do noso compañeiro Miguel A. García e condensados nun só panel no que tamén colaborou o noso compañeiro Diego Reboredo Prado. A amplísima información que aporta non logra desvelar ningunha novidade salientable sobre o noso clima, en palabras do propio investigador, que engadía que cómpren moitos máis anos para poder aportar conclusións máis exactas sobre o proceso evolutivo do clima. O acto contou coa presenza do Alcalde, Francisco Fumega, que fixo a presentación á prensa no nome do Concello e do Presidente do C. E. Chamoso Lamas.

 O panel conta con información de temperaturas medias, máximas e mínimas; datos anuais de precipitacións; información sobre as xeadas e as condicións da seca ambiental que se producen entre os meses de abril e setembro. A esta información hai que engadir unha táboa que recolle os parámetros climáticos xerais do Carballiño e outra máis que amosa as curiosidades más extremas. Para rematar, o autor falou de que aínda faltan por incorporar dúas variantes moi importantes, como son a humidade e a irradiación solar. Tampouco se esqueceu engadir a este panel un pequeno refraneiro popular relacionado co tempo xa que "son unha das primeiras estadísticas de coñecemento de datos climáticos", en palabras do autor.

(Pódese descargar o panel en resolución para imprimir no PDF que se atopa no fondo desta nova).

Descargar arquivo
Info
25 Xaneiro 2018

Miguel A. García Pérez, Premio Nacional de Meteoroloxía

O noso compañeiro e secretario do C. E. Chamoso Lamas, Miguel García, acaba de ser galardoado co Premio Nacional de Meteoroloxía, un merecido premio que vén facer xustiza ó seu traballo diario e desinteresado durante décadas. O acto de entrega terá lugar en Madid o día 23 de marzo deste ano. 

Despois de máis de 35 anos dedicado ó mundo da investigación sobre o clima na nosa comarca e xa apartado do mundo das aulas, Miguel centra agora os seus traballos na difusión e estudo de tan inxente cantidade de datos acumulados ó longo destas décadas que, cada dous anos, temos a sorte de compartir nos nosos congresos do Home e o Medio ou en publicacións especializadas, como o aparecido máis recentemente no Anuario da AEMET en coautoría co noso compañeiro Diego Reboredo. 

Info
18 Xaneiro 2018

Presentación do catálogo e clausura da exposición "22 anos ollando estas terras"

O sábado, día 20 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Manuel María do Carballiño, a presentación do catálogo da Exposición "20 anos ollando estas terras", publicación que recolle a totalidade das obras presentadas na edición anterior. Ó longo de case 100 páxinas, a publicación editada en cor e coas características de edición que require unha obra deste tipo, recolle de xeito individualizado cada unha das obras que no seu día estiveron expostas ó público durante máis dun mes. Ademais deste repertorio fotográfico elaborado polo membro do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Juanjo Álvarez, o catálogo conta cun limiar a cargo do Presidente do colectivo e cuns valiosos textos críticos aportados polos dous comisarios da exposición, Juan Manuel Rodríguez e Óscar Gónfer.

Rematado ese acto realizarase a clausura desta exitosa segunda edición pola que pasaron centos de veciños que puideron contemplar a valía e a potencidalide dos nosos artistas que, coas súas obras, deron a coñecer o enorme talento que atesouran.

Info
1 Xaneiro 2018

Torques de Honra 2017

Podedes ler o discurso lido polo noso compañeiro Óscar Gonfer co gallo da entrega do Torques de Honra 2017 a Manuel Gallego Jorreto no arquivo adxunto.
 

Descargar arquivo
Info
14 Decembro 2017

Exposición de Arte

Como xa aconteceu no ano 2015, o Centro de Estudios Chamoso Lamas organiza coa inestimable colaboración de numerosos artistas destas terras do interior de Galicia unha Exposición que baixo o título de "22 anos ollando estas terras. Xentes, espazos e lugares" pretende ser "unha xanela pola que ollar as terras, as xentes e a culura das comarcas do CArballliño e do Ribeiro", tal e como a define o comisario da mesma, Óscar Gónfer. A citada mostra reúne máis de medio cento de obras pictóricas e escultóricas de autores xa consagrados no panorama cultural galego e outros noveis que teñen unha oportunidade de darse a coñecer diante da sociedade e da crítica. 

A inauguración terá lugar o domingo, día 17 de decembro, ás 20,30 horas na Sala de Exposicións do Auditorio Manuel María do Carballiño, sendo un acto aberto e público ó que convidamos a toda a sociedade carballiñesa e do Ribeiro.

Os horarios de visita serán:

De martes a venres: de 18 a 21 horas

Sábados, domingos e festivos (agás Nadal e Aninovo que non se abre): de 11 a 13 horas.

A duración da mesma está prevista dende ese día 17 de decembro ata o día 15 de xaneiro de 2018. Coincidindo con ese acto de peche, presentarase o Catálogo da edición correspondente ó ano 2015.

Páxinas